Aqualia premia a unha veciña de Vigo pola súa aposta a prol da factura dixital

xoves, 16 de marzo do 2017 Redacción

A empresa Aqualia quere fomentar o uso de novas tecnoloxías nos seus procedementos e comunicacións cos usuarios. Con este obxectivo, puxo en marcha Pásate á e-factura, un certame de alcance estatal e periodicidade mensual que, como o seu propio nome indica, ten por finalidade facer medrar a cifra de clientes que solicitan factura electrónica en troques da tradicional, en papel (en termos máis concretos, Aqualia quere acadar nun ano o millón de recibos dixitais adicionais). Finalmente, o “palmarés” de marzo tivo presenza galega. Máis polo miúdo a da viguesa Katia Palmeiro, que foi unha das gañadoras trala súa aposta persoal por modernizar a metodoloxía de envío de facturas. A entrega do galardón (unha das dúas tabletas que se sortean cada mes, 24 en total) celebrouse onte mesmo.
A iniciativa de promoción dixital de Aqualia remóntase a 2016. Dende aquela, sinalaron fontes da empresa, xa se incrementaron nun 73,9% a cifra de usuarios “en liña”. De feito, a comezos desta ano, o número de afiliados á e-factura xa era de preto de 300.000. Este mércores, o director de Aqualia Vigo, José María Ardoy, fixo entrega do premio a Katia Palmeiro Lage nas instalacións de Aqualia Vigo.

PUBLICIDADE