Aquié: bota a andar en Ourense o supermercado galego e interactivo
martes, 28 de outubro do 2008
Xa apenas hai empresas novas, sexan do sector que sexan, que non teñan relacións estreitas co dixital. Porén, hai algunhas que xorden xa tirando o máximo partido destas ferramentas tecnolóxicas, converténdoas en instrumento de traballo e máis en elemento diferenciador de cara á competencia. Este labor de previsión é precisamente unha das bases da nova cadea de supermercados que vén de xurdir en Ourense da man do grupo Cuevas: a cadea Aquié. Segundo informa Laregion.es, a idea dos responsables desta rede vindeira de establecementos é empregar os novos formatos de comunicación, máis polo miúdo os interactivos, para satisfacer a demanda dos consumidores en materia de datos sobre os produtos que mercan ou están a piques de mercar.
A proposta, que ten moitas posibilidades de estenderse a toda Galiza (en breve chegará tamén a Pontevedra), participa das características xerais dun labor de innovación máis ou menos clásico. Ou sexa, que se basea en algo tan simple e á vez tan complexo como escoitar en detalle á xente. Neste caso, as/os compradoras/es.
Por certo que a apertura do primeiro elo da cadea Aquié está prevista para hoxe mesmo, logo de que fose presentada onte perante os medios.
O establecemento, para comezar, non se basea no clásico ir e vir polos corredores á procura dun produto concreto que botar ao carriño. A diferenza básica, neste punto, é que se trata de facer do acto de mercar alto “divertido e saudable”, informan os seus responsables. En certa maneira, séguese un pouco o espírito das novas tendencias na Sociedade da Información: convídase ao usuario a participar de xeito máis activo nos procesos. Neste caso, o supermercado contará cunha pantalla táctil na que se vai poder consultar a receita diaria (que vai mudando cada xornada) e logo poñer en papel o miolo desa información obtida, entre a que se contan os elementos nutricionais da escolla. Este compoñente virtual sobre a achega alimentaria de cada día compleméntase -xa que se trata dun supermercado- cos ingredientes reais ao alcance da man.
Segundo engade o devandito xornal ourensán, o establecemento interactivo contará para a elaboración dos menús (esencialmente galegos) coa achega da Universidade de Vigo, máis polo miúdo coa da Cátedra Cuevas. No desenvolvemento e posta en marcha desta iniciativa concorreron até 12 persoas, entre os que se contan especialistas en marketing e máis en innovación.
Por certo que xa hai data aproximada para a apertura do vindeiro supermercado: será na cidade de Pontevedra nun prazo de dous meses.
No YouTube podemos atopar un vídeo de Teleminho sobre a presentación oficial destes establecementos, que tamén aparece referenciada en Chuza! e máis en La Voz.