Arranca o FastMPJ Summer of Code 2012

xoves, 5 de xullo do 2012 Raquel Noya

O concurso Summer of Code 2012, organizado por un grupo un grupo universitario galego para demostrar as vantaxes do desenvolvemento de proxectos en Java utilizando a librería de paso de mensaxes FastMPJ, vén de dar comezo, e está aberto á participación de tódalas persoas interesadas nesta linguaxe de programación.
O obxectivo deste concurso é “chegar a desenvolver un proxecto Java con paso de mensaxes con FastMPJ”, unha linguaxe desenvolvida no Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática (Universidade da Coruña), que conta co apoio, entre outras entidades, da Fundación Barrié.
Para participar non fai falla ter coñecemento previo sobre a programación FastMPJ xa que, segundo informan dende a organización, “é doado de aprender a partir da documentación achegada na páxina web e non é máis que a unión de Java e MPI”.
O prazo de presentación de proxectos, a través da plataforma FastMPJ.com, estará aberto ata o vindeiro día 13 de xullo, e poderán participar tódalas persoas que o desexen.
Os proxectos desenvolvidos entrarán a formar parte do repertorio de proxectos de Google Code, e en setembro, seleccionarase o mellor que será galardoado cun tablet Nexus 7. Ademais, todos e todas as participantes serán obsequiados cunha camiseta de FastMPJ así como coa satisfacción de ter adquirido coñecementos avanzados de programación paralela e de altas prestacións.
Un dos obxectivos desta competición é o de aumentar a visibilidade de Java como linguaxe de programación paralela “en contornas nas que o rendemento é crucial (como na computación científica)” afirman, “e non se require experiencia previa no manexo de FastMPJ, xa que se pretende que os participantes aprendan as características principais deste modelo de programación”, engaden.

PUBLICIDADE