Arranca o préstamo de libros dixitais nas bibliotecas públicas, incluída (en breve) a de Santiago
xoves, 10 de febreiro do 2011

- O exterior da Biblioteca Pública Ánxel Casal visto na web de Ovo Publicidade
O Ministerio de Cultura vén de pór en marcha o
seu proxecto para facilitar o préstamo de libros dixitais nas bibliotecas públicas.
Segundo informa, o servizo estará habilitado en 15 centros do Estado ao longo
de febreiro, incluída (calcúlase que a finais deste mes) a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de
Compostela. O único requirimento que se nos vai esixir para carretar unha
obra dixital destes centros vai ser o seguinte: rexistrarnos no servizo. De feito,
semella que non será preciso ter un lector propio (un e-reader), xa que poderemos levalo da biblioteca cargado de libros
electrónicos e telo nas nosas mans por un prazo de tempo que non irá alén das súas
semanas.
O servizo funcionará de xeito semellante nas 15
bibliotecas deste proxecto, con algún que outro matiz. O orzamento achegado
polo Ministerio é de 130.000 euros, partida necesaria entre outras cousas para
costear a compra dos 750 lectores postos en xogo. O proxecto xa comezou a dar
pasos en determinados centros de préstamo e lectura, como por exemplo a central de Cantabria,
onde se puxo en marcha o 3 de xaneiro con 41 lectores e 184 libros electrónicos
habilitados nas tarxetas. Polo de agora, que ninguén agarde levar a casa o ultimísimo en materia de best-sellers de novela negra, posto que as
primeiras achegas limitaranse sobre todo a clásicos como O Quixote ou O retrato de
Dorian Gray.
