Arredor de 50 profesionais participaron nas xornadas sobre informática xudicial do CPETIG

venres, 13 de maio do 2011 Redacción

O Seminario sobre Informática Xudicial organizado os días pasados polo CPETIG chegou este xoves ao seu remate cunha fonda análise das prácticas actuais en materia de investigación a través das novas tecnoloxías e no seo mesmo das novas tecnoloxías. O evento, que se desenvolveu ao longo de tres días de mesas redondas e relatorios, contou para a súa xornada final coa presenza de Gonzalo Sotelo, xefe do Grupo de Delitos Telemáticos de Pontevedra (quen falou dos protocolos forenses en probas electrónicas), e de Modesto Álvarez, responsable da Comisión de Visados do Colexio de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Asturias (CITITA).
Asemade, o punto e final das xornadas deu acubillo a un relatorio de Miguel Alba, vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia. En total, foron máis de 50 os asistentes ao ciclo formativo, unha boa parte deles vinculados de xeito directo ao eido da xustiza.
O obxectivo do seminario foi informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e o emprego das novas tecnoloxías no seo do proceso xudicial. Ademais disto, tratouse de concienciar aos presentes sobre a axuda que poden recibir dos peritos informáticos nas causas e as claves de valoración da proba informática.

PUBLICIDADE