Artai lanza dende Vigo unha plataforma online gratuíta para o diagnóstico de riscos en ciberseguridade

venres, 29 de maio do 2020 S. P.

Artai, compañía de seguros con sede principal en Vigo, vén de lanzar unha plataforma online de balde para a avaliación de riscos en materia de seguridade. A ferramenta, que ofrece asesoramentos sen custos e máis a posibilidade de pechar contratacións de seguros contra ameazas tecnolóxicas, está dispoñíbel en ciber-seguro.es e é froito dun acordo entre a compañía galega e máis a consultora tecnolóxica DooingIT. Está dirixida a pemes, microempresas e autónomos, co fin de achegar solucións que lles sirvan para protexerse ante as diferentes ameazas que poidan chegar a través das novas canles de información e comunicación.
Entre as proteccións desta póliza destacan as referidas a ameazas de extorsión con secuestro de datos (ransomware), ataques de denegación de servizo, interrupcións do sistema informático, fallos de seguridade que dean lugar a accesos non autorizados e introdución de virus, etc.
En materia de protección de datos persoais, ofrece coberturas como a responsabilidade civil fronte a reclamacións de terceiros afectados pola fuga ou destrución de datos, sancións impostas pola Axencia Española de Protección de Datos e gastos incorridos para recuperación de información e acceso á mesma, limpeza de virus, recuperar o acceso aos programas, recrear os datos electrónicos da entidade, etc. Así mesmo, achega cobertura para a responsabilidade civil por reclamacións derivadas dos contidos publicados nos soportes propios da empresa.

PUBLICIDADE