As Apple Store españolas recompran terminais iPhone e iPad ao adquirir produtos novos

mércores, 21 de maio do 2014 Marcus Fernández

Apple tamén ten en España un Programa de Reciclaxe vía web

É bastante frecuente que os usuarios de smartphones e tablets de Apple sexan fieis á marca, empregando en boa medida como argumento para a compra dos dispositivos da marca a posibilidade de vender a bo prezo o seu trebello usado, o que facilita a actualización cada 1-2 anos de dispositivo, pero para os que non queren dar moitas voltas ao mercado de segunda man, Apple ofrece finalmente en España o seu Programa de Reciclaxe e Reutilización de iPhone e iPad, que consiste na recompra de dispositivos de Apple por parte da compañía a través das súas tendas oficiais (que no caso español son só 10, das que ningunha está en Galicia).
A valoración dos equipos entregados realízase por expertos nas tendas de Apple, as cantidades descontaríanse da compra de dispositivos novos e serían acumulables. Cómpre destacar que tamén existe un programa semellante na tenda web de Apple, pero as condicións non son exactamente as mesmas que as da compra en tenda física.