As JAI recuperan neste 2022 a presencialidade nunha edición récord en participantes e conferencias

martes, 15 de febreiro do 2022 S. P.

A UVigo compartiu detalles de interese sobre a vindeira edición (a oitava) das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), que chegan este 2022 a un intre histórico da súa andaina: a recuperación, logo dos intres máis críticos da pandemia, do formato presencial (que obrigou á celebración das JAI en modo virtual en 2020). Porén, esta volta ao “formato máis tradicional” non impedirá que se siga mantendo a oferta de postos virtuais.
As xornadas celébranse do 14 ao 18 de novembro, novamente na Escola de Enxeñaría Industrial. Segundo fai saber o gran impulsor das JAI, o docente e investigador da UVigo Ignacio Armesto, o programa de relatorios será “a verdadeira alma do evento”.
Segundo destaca Armesto, a nova edición das JAI, que xa pendurou o cartel de “cheo” a 10 meses da celebración do evento, estará tamén marcada pola consecución de novos récords, en canto ao número de firmas participantes e conferencias, así como pola incorporación de novidades no seu programa, ao que se suman a celebración de mesas redondas e unha gran exposición robótica. “As cifras son as mellores acadadas ata hoxe nunha edición presencial. E é que falamos dun programa con máis de 40 conferencias, catro mesas redondas e máis de 30 firmas partner participando , todas elas multinacionais de recoñecido prestixio no sector. Sen esquecer o acto de apertura, que contará cun programa adicional de catro relatorios plenarias de auténtico luxo”, detalla Armesto.
Mesas redondas, exposición robótica e postos físicos e virtuais
Entre as novidades no programa destacan unha serie de mesas redondas, xurdidas a raíz de varios eventos virtuais e presenciais organizados nos últimos anos, moitos deles en colaboración con ISA España e AER Automation e que contaron cunha destacada asistencia de profesionais. Nas catro mesas redondas que se celebrarán en sesión de tarde de luns a xoves, participarán un máximo de seis persoas: dúas representantes de firmas, outras tantas de usuarios finais que utilizan con éxito nas súas empresas solucións relacionadas coa temática tratada e unha persoa moderadora. “En canto ás temáticas, pode ser calquera relacionada coa Industria 4.0, como por exemplo: ciberseguridade, dixitalización, edge/cloud computing, robótica colaborativa ou condition monitoring”, enumera o coordinador das JAI.
Por outra banda, a 8ª edición das JAI acollerá “a gran exposición robótica que non puidemos facer no acto oficial de apertura das edición dixital, pero vitaminada”, avanza Armesto. Polo que respecta ao Showroom Industrial 4.0, a situación actual non permite organizar este ano un similar ao de 2018 con máis de 30 expositores simultáneos durante toda a semana, “pero si intentaremos ofrecer unha versión reducida con sete ou oito postos nos que as firmas que participan en cada sesión terán a oportunidade de presentar o seus produtos”. Así mesmo, manterase a oferta de postos virtuais, que xa se utilizaron no portal das Digital JAI’2020.