As Pontes, Cedeira, Fene e Ortigueira lideran as vendas de MercaNaVila en Ferrolterra

mércores, 29 de outubro do 2025 S. P.

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal están a destacar pola súa elevada participación e volume de vendas no programa MercaNaVila, a iniciativa da Deputación da Coruña que impulsa o comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes a través de bonos descargables nos dispositivos da cidadanía.
Segundo os datos de vendas do programa, os concellos de As Pontes de García Rodríguez, Cedeira, Fene e Ortigueira lideran o impacto do programa na zona, cun volume conxunto de máis de 358.000 euros en vendas, o que representa máis do 13 % do total provincial, que ascende a 2.723.068,35 euros.
O concello das Pontes sitúase á cabeza da comarca, con 166.546,06 euros en vendas, o 6,12 % do total provincial, e 44 establecementos adheridos no municipio. Ségueno Cedeira, con 79.834,77 euros e 23 comercios participantes; Fene, con 63.049,27 euros e 28 comercios, e Ortigueira, con 48.564,99 euros e 14 tendas.
Outros concellos como Mugardos, Pontedeume, Cariño, Ares, Valdoviño, San Sadurniño, Neda, Moeche ou Cabanas tamén participan activamente, contribuíndo a reforzar a economía local e o consumo de proximidade en toda a área de Ferrol.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis os comercios que se suman á campaña e os consumidores que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras".
Como funciona MercaNaVila
O programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña, está dirixido á poboación maior de idade residente en concellos de menos de 20.000 habitantes. Cada persoa poderá descargar no seu dispositivo bonos por valor de ata 100 euros, que se aplicarán automaticamente en forma de desconto directo de entre 5 e 15 euros por compra, segundo o importe. As persoas que residen nas cidades poden tamén descargar o bono, aínda que deberán realizar as súas compras nos comercios dos concellos máis pequenos para beneficiarse dos descontos.
Os bonos estarán dispoñible desde hoxe, 20 de outubro, ata o 20 de novembro, ou ata esgotar o orzamento total.
Os comercios interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma habilitada en Mercanavila.gal, onde tamén atoparán toda a información e condicións da campaña.
A Deputación estima que o programa permitirá mobilizar ata 25 millóns de euros en vendas, contribuíndo de forma directa a reactivar o consumo, apoiar ás pequenas empresas locais, crear emprego e favorecer a fixación de poboación nos concellos rurais.