As Ray-Ban Meta reciben unha importante actualización

luns, 16 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Meta continúa a súa grande aposta polos dispositivos de realidade mixta e as lentes con IA, mellorando dende as Meta Quest 3 até o prototipo de Orion, sendo a última novidade dispoñible para o público a actualización que está a lanzar para as lentes Ray-Ban Meta.
As novidades que integran as lentes son a posibilidade de buscar contidos e reproducir contido de Spotify e Amazon Music mediante ordes de voz, poder empregar o servizos Be My Eyes (para que poidan recibir axuda usuarios con problemas de visión), volume adaptativo e a posibilidade de gozar de voces de celebridades (como John Cena, Kristen Bell ou Judi Dench).
A través do programa de acceso anticipado tamén están a facilitar o uso da IA en directo (ou sexa, que a intelixencia artificial non só funcionará sobre fotografías que tomemos coas lentes, senón que será capaz de procesar vídeo, ou sexa, que pode procesar todo o que aconteza diante do usuario para poder conversar en tempo real sobre o que hai no contorno), así como tamén se habilita a opción de tradución de voz en inglés, español, francés e italiano. Estas funcionalidades están aínda pouco maduras, e limitan as súas probas a EE.UU. e Canadá, territorio no que tamén están a probar a integración de Shazam, de xeito que se lle preguntamos o que está a soar será capaz de identificar a música que se escoite ao noso redor.
Cómpre lembrar que moitas das novidades que anuncia Meta non están dispoñibles aínda na Unión Europea, pero están en proceso de chegar, polo que no futuro as Ray-Ban Meta poden rematar converténdose non só nunha grande ferramenta para un usuario calquera, senón tamén unha axuda impresionante para calquera que teña problemas visuais.