As Termas e o Concello de Lugo lanzan certame para impulsar innovación comercial e social

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

Favorecer a innovación empresarial e social. E se, aínda así, esta non abrolla, redobrar esforzos. Esta é a base do proxecto Wonderful, unha iniciativa impulsada polo Centro Comercial As Termas en colaboración co Concello de Lugo, ao abeiro das accións de responsabilidade social corporativa de LAR España, propietaria da área comercial. Segundo fixeron saber onte en rolda de prensa a concelleira de Economía Ana Prieto e máis o xerente de AS Termas, Esteban Patiño, Wonderful lánzase a “fomentar proxectos innovadores que melloren a relación do cliente co seu centro comercial e a relación dos cidadáns coa cidade”. A marxe para a creación de novas tecnoloxías de comunicación entre tecido comercial e cidadanía é ampla de abondo.
Na cita, na que tamén participou un representante do Grupo PGS, organizador do certame, Federico García Liñares, lembrouse que as candidaturas poden presentarse até o 4 de xuño e que os gañadores recibirán acceso a financiamento, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión.
Ana Prieto salientou que este proxecto agroma da responsabilidade social empresarial, “unha estratexia que xera un importante retorno económico, porque é unha vantaxe competitiva e un factor que marca diferenzas, pero tamén un importante retorno social”. Wonderful, sinalou, participa deste marcado perfil social e dinamizador, non só na forma senón tamén no contido: a través do proxecto recoñeceranse e visualizaranse propostas para centros comerciais e tendas que sexan, tamén, solucións innovadoras dirixidas a mellorar a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade.
A concelleira agradeceu a LAR España que elixise Lugo para desenvolver Wonderful, que acollerá só outra provincia galega e 8 en todo o ámbito estatal, e animou aos emprendedores e empresarios do municipio “a participar cos seus proxectos”.
Pola súa banda, o xerente do Centro Comercial As Termas, agradeceu ao Concello que acollese “con moitas ganas” este proxecto, que busca “axudar a que saian adiante proxectos de innovación, fundamentais para o desenvolvemento social e económico, na fase de inicio, que é a máis comprometida”.
O representante de PGS explicou que poderán presentarse ao concurso emprendedores ou empresas que desenvolven a súa actividade na provincia. Tamén explicou que se ben serán ben acollidas propostas relacionadas coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC, un dos piares do concepto de “innovación”), tamén se valorarán moi positivamente outras achegas non necesariamente dixitais que contribúan a mellorar os procesos, os servizos e as comunicacións entre clientes e usuarios.
Wonderful inclúe dúas categorías:
· O Teu Centro Comercial, que premiará os proxectos de negocio ou empresas máis innovadoras que solucionen ou melloren a relación do cliente co seu centro comercial ou tendas.
· A Túa Cidade, que premiará solucións innovadoras que melloren a relación dos cidadáns coa cidade.
Os gañadores conseguirán un conxunto de premios orientados a axudarlles a poñer en marcha o seu negocio grazas aos patrocinadores do proxecto (Correos Lab, BzSpark de Microsoft, BStartup de Banco Sabadell ou El Economista) e que consistirán, entre outros, en acceso a financiamento bancario, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión. Os vencedores de cada Comunidade ao abeiro da categoría O Teu Centro Comercial participarán no Wonderful Summit presentando os seus proxectos de negocio no primeiro Encontro Nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail, que se celebrará en xullo.

PUBLICIDADE