As Xornadas Videoxogo e Literatura chegan en outubro a súa sétima edición
luns, 29 de setembro do 2025
Vigo vai acoller en outubro a VII edición das Xornadas Videoxogo e Literatura, organizadas pola Fundación Carlos Casares e patrocinadas polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta. Desenvolveranse do martes 7 ao xoves 9 de outubro no MARCO de Vigo, analizando na súa sétima edición o sector cultural do videoxogo na súa relación con outros sectores culturais. Dentro das Xornadas poderá visitarse unha exposición, e haberá obradoiros escolares e familiares sobre videoxogos retro.
As VII Xornadas Videoxogo e Literatura é unha actividade anual da Fundación Carlos Casares, coa que pretende “abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se establecen con outros sectores culturais e creativos”.
As Xornadas de Videoxogo e Literatura pretenden, tamén, ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos de profesionais do sector.
A organización confirmou que nesta sétima edición consolídase “a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros” (contando historias dende o papel ao mando, os indies en Galicia e o lecer interactivo e os seus diversos universos), para os obradoiros dirixidos ao público asistente: mercadotecnia no videoxogo, e unha charla sobre a IA e o seu impacto nos procesos artísticos. O evento será presentado por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes contamos con perfís moi variados, con procedencia na contorna da literatura e do lecer interactivo (como Antonio Gil, Inés Alcolea, David Gago, Camilo Franco, Pedro Meira ou Luis Miguel Nández), no sector industrial e creativo (como Byron Caparrós, Concepción González e José Raluy, Iago Domínguez, Ana Beatriz Sánchez ou Fátima G. Doval), do desenvolvemento gamer (Carolina Nickele, Silvia Fernández, Cristina Barreiro e José Carlos Montero) e doutras disciplinas artísticas relacionadas co videoxogo, como Denis Siks ou José Luis Abraldes.
Como actividade externa, baixo o título BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!, a entidade desenvolverá entre os días 7 e 10 de outubro no Espazo Anexo do MARCO unha exposición sobre videoxogos centrados nos 16 e os 32 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e talleres para escolares e talleres familiares, “co fin de que todo o mundo teña a oportunidade de coñecer a evolución do lecer interactivo dos videoxogos retro”.
A entrada ás xornadas é de balde. A organización adianta, iso si, que é recomendable, en termos de aforo e para os obradoiros das xornadas, que as persoas interesadas se apunten previamente vía web.
Para a participación nos talleres de BIT A BIT para centros escolares no Espazo Anexo do MARCO, debe contactarse co museo MARCO de Vigo a través da conta comunicacion@marcovigo.com.
