As actualizacións de Windows 10 non serán opcionais

venres, 17 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A poucos días do lanzamento de Windows 10 imos sabendo máis detalles deste sistema operativo que pretende ser unha grande revolución, sendo especialmente interesante o feito de que quere transformarse de produto a servizo, o que garantiría actualizacións a longo prazo, pondo fin ao lanzamento cada poucos anos de distintas versións de Windows, e distanciándose de políticas de actualizacións como as de Apple (que ofrece de balde as distintas versións do seu sistema operativo, pero procurando realizar unha grande actualización ao ano).
Este cambio de filosofía busca así evitar que os usuarios queden ancorados en vellas versións dos sistemas operativo (o que normalmente supón problemas de mantemento e unha ameaza para a seguridade en liña), como acontece con millóns de equipos que aínda teñen Windows XP ou o feito de que a metade dos equipos en funcionamento actualmente aínda teñan Windows 7. Precisamente os usuarios máis conservadores poderían amosar reticencias a este cambio de rumbo, xa que “os termos de licenza de Windows 10 requiren ter activadas as Actualizacións Automáticas para manter aos nosos clientes seguros e achegar Windows como servizo” segundo fontes de Microsoft, ou sexa, que os usuarios doméstico deberán aceptar que Microsoft actualicen constantemente os seus equipos, mentres que a nivel corporativo existirán ferramentas (Windows Update for Business) para que os administradores de sistemas poidan controlar os cambios a fin de manter o seu correcto funcionamento.
Actualmente os usuarios domésticos podían decidir as actualizacións a instalar, e incluso evitar os importantes Service Packs, pero con Windows 10 iso non sería posible para poder funcionar co sistema con normalidade, na liña do que acontece actualmente con produtos como os navegadores web (que na súa meirande parte integran actualizacións automáticas) ou incluso algunhas plataformas móbiles como iOS (que practicamente forza aos usuarios a instalar as últimas versións do sistema operativo se queren poder gozar das novas aplicacións).
Queda agora por ver se esta nova política de Microsoft conseguirá un panorama informático máis uniforme ou, pola contra, suporá un freo para dar o salto a Windows 10.

PUBLICIDADE