As actualizacións de seguridade de Windows impiden o inicio a equipos con procesadores AMD

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

JPEG - 98.1 KB
Brian Krzanich tivo que citar os últimos problemas de seguridade dos procesadores de Intel na súa intervención no CES de Las Vegas

Aínda que a intención da presentación de Intel na súa presentación no CES era dar conta das súas achegas aos vehículos autónomos e ás tecnoloxías de realidade virtual, non puideron evitar o impacto da actualidade, e tiveron que citar os problemas de Meltdown e Spectre, métodos para vulnerar a seguridade dos seus procesadores para os que aseguran que ao longo desta semana terán parches para máis do 90% dos procesadores lanzados nos últimos cinco anos, engadindo que están a traballar para minimizar o impacto destes parches no rendemento dos equipos.
Insisten en que polo momento non hai evidencias de que os fallos de seguridade tiveran sido explotados activamente, polo que os consumidores poderían estar tranquilos. En contrate, os consumidores que non deberían ter problemas, que son os que teñen equipos informáticos con procesadores de AMD (que nun principio non son vulnerables a Meltdown) están a padecer danos colaterais das medidas de mitigación do problema, xa que a última actualización de seguridade de Windows está a dar problemas nalgúns equipos, facendo incluso que os ordenadores non poidan iniciarse. Microsoft asegura estar a traballar con AMD para resolver este enorme problema que afecta a sistemas con Windows 7, 8.1 e 10.
O problema mencionado non afecta a todos os equipos con procesadores AMD, senón só a algúns modelos en concreto (algo vellos), e Microsoft asegura que o problema foi culpa de AMD por terlle remitido documentación con erros para o desenvolvemento dos parches para Meltdown e Spectre. Para evitar maiores problemas deixarán de remitir temporalmente a actualización problemática aos equipos con procesadores de AMD.

PUBLICIDADE