As apostas por Internet estarán sometidas a control, segundo a UE
venres, 11 de setembro do 2009
Segundo o último informe da
Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), os
xogos de azar e apostas por Internet ocuparon o quinto posto no ranking de
actividades económicas con maior peso no volume de ingresos xerados polo
comercio económico en España durante o primeiro semestre de 2009, cun 6,7 por
cento dos 1.239,2 millóns de euros que xerou este tipo de comercio.
Isto é debido, en parte a que o
panorama do xogo en España cambiou moito nos últimos anos, pasando dunha
situación na que os únicos operadores que ofrecían xogos era o ente público e a
ONCE, ao contexto actual, no que existen gran cantidade de empresas de outros
países europeos que operan en España mediante páxinas web ou casas de apostas
autorizadas polas comunidades autónomas que non están sometidas a ningún tipo
de control tributario.
Por outra banda, estas empresas que
ofrecen apostas para case todo, dende deportivas, ata prognósticos sobre
eleccións políticas ou carreiras de fórmula 1, ofrecen moita maior inmediatez e
actividade que as empresas de loterías tradicionais polo que resultan moito
máis atractivas para as persoas afeccionadas aos xogos de azar.
Agora ben, os tempos nos que as
apostas pola Rede se podían facer sen máis control que o do propio usuario
chegaron á súa fin, xa que o Tribunal de Xustiza Europeo
vai comezar a esixir que se integren nos monopolios estatais do xogo e que,
en poucas palabras, éstes paguen impostos.
Os españois, segundo datos
recentes, xóganse 4.500 millóns de euros en apostas a través da Rede cada ano,
unha desorbitada cantidade que nos leva a ocupar o terceiro posto da UE nas
apostas no xogo, por detrás de Alemaña e Grecia. De estar reguladas esas
apostas, tal e como vén de suxerir o Tribunal de Xustiza Europeo, “o Estado español ingresaría uns 650 millóns
de euros ao ano”, cantidade que viría como anel ao dedo para rachar un
pouco coa crise que nos está a afectar.
A Asociación Europea de Lotarías do
Estado considera que o ditame do Tribunal de Xustiza Europeo (TJE) supón unha "gran
vitoria na súa batalla" para garantir o dominio das súas actividades e
poder ofrecer xogos de azar a través de Internet, unha medida que está "xustificada" para loitar contra a
fraude.
Segundo a corte europea, os países da Unión Europea poderán restrinxir a
posibilidade de ofrecer servizos de apostas e xogos sempre que consideren que
vai en contra do interese público. Tras o recurso presentado por Bwin unha empresa con sede en Xibraltar contra Lotarías e
Apostas do Estado de Portugal, o tribunal ditaminou que a prohibición de
operadores de xogos e apostas por Internet como Bwin
estaría xustificada para combater posibles actividades delituosas.
