As axencias dixitais de comunicación galegas participan o xoves 20 nunha xornada do Colexio de Xornalistas

martes, 11 de novembro do 2025 S. P.

Este vindeiro xoves 20 de novembro o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra en horario de mañá, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, realizada coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade. Contará coa presenza de expertas en comunicación dixital e redes, e empresas tecnolóxicas como a axencia Nasas ou Altia, referente TIC galego.
O programa do encontro quere facer un achegamento necesario a unha saída laboral “tan relevante actualmente para o xornalismo como é a da comunicación corporativa”, informou o Colexio.
Trala presentación da xornada, coas decanas do CPXG e da Facultade, Belén Regueira Leal e Ana Isabel Rodríguez Vázquez; a xornada iníciase coa mesa redonda A Comunicación Empresarial desde a perspectiva das axencias, con Fátima Carmena Mayorga, directora da Axencia Nasas; Ángela Gómez Caruncho, directora de Galicia de Torres y Carrera; Marta Ferro Morado, directora xeral de Closet Comunicación: e Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia. Moderará o debate Lucía González Martínez, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e directora de mercadotecnia e Comunicación de PlaceIn. Ao finalizar, ás 11:45, realizarase un descanso de media hora.
Ás 12:15 horas será a segunda das mesas de debate, sobre A Comunicación nas empresas, coordinada por Manuel Rey Pan, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas, e na que van participar Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación e imaxe corporativa do Grupo Zendal; Isaac González Toribio, director de comunicación e relacións institucionais de Abanca; Consuelo Luces Cores, responsable de Mercadotecnia e Comunicación de Altia; Alba Rodríguez Rodríguez, da área de comunicación e mercadotecnia de Daveiga; e Sara Torreiro Rodríguez, responsable de mercadotecnia e RSC da Casa Grande de Xanceda.
O acceso á xornada é libre e gratuíto e as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario en liña. A sesión poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube do Colexio, nunha ligazón que se fará publica uns días antes. A posteriori, poderá solicitarse certificado de asistencia. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.