As comunicacións por satélite dos futuros iPhone serían só para emerxencias

martes, 31 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A nova de que o iPhone 13 podería facilitar comunicacións por satélite segundo Ming-Chi Kuo foi rapidamente matizada por Mark Gurman dende Bloomberg, onde detallan que as capacidades satelitais dos futuros iPhone serán unicamente para situacións de emerxencia, permitindo que os usuarios poidan enviar mensaxes de texto para dar conta de accidentes en zonas sen cobertura móbil.
Gurman tamén incide no calendario para indicar que esta tecnoloxía non chegaría agora, senón que como moi cedo estaría dispoñible para o ano que vén. Aínda que os rumores actuais apuntan a que as comunicacións poderían chegar a través do satélites de Globalstar dende Apple estarían a pensar e contar coa súa propia frota de satélites máis adiante.
Esta tecnoloxía de comunicacións por satélite inicialmente integraría na aplicación de mensaxería do iPhone, como un terceiro protocolo (actualmente xa mestura SMS con mensaxes a través da plataforma de Apple), que representaríase en burbullas de cor gris (as actuais son verdes ou azuis), e que permitiría contactar cos servizos de emerxencia ou con persoas de contacto (que recibirían a comunicación aínda que tivesen o móbil en modo non molestar), e incluso contaría tamén cunha funcionalidade para informar de situacións de emerxencia, achegando información sobre a súa tipoloxía ou sobre as persoas afectadas, para desencadear a resposta precisa dos servizos de emerxencia.
Estas funcionalidades dependerían da dispoñibilidade de conexións por satélite (tanto por cobertura como por acordos entre compañías que faciliten o uso desta canle de comunicación) e das regulacións locais (xa que os servizos de emerxencias son moi diversos) polo que non parece algo que vaiamos ver a nivel global a curto prazo, senón que sería unha tecnoloxía que se desenvolvería progresivamente por todo o mundo e, segundo comunicaba Kuo, podería chegar no futuro a través de moitos outros fabricantes grazas aos novos chips de comunicación de Qualcomm.

PUBLICIDADE