As empresas galegas recibiron en 2019 o 7,16% do total nacional de facturas electrónicas

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

As empresas galegas avanzan en factura electrónica, situándose en cuarta posición a nivel estatal en materia de recepción de e-facturas. Así se fai saber no Estudo SERES de Implantación da Factura Electrónica en España 2019, onde se achega unha serie de datos concretos sobre a nosa actividade no uso dos ditos formatos tecnolóxicos, como por exemplo que as empresas da nosa terra recibiron o ano pasado o 7,16% do total de facturas electrónicas recibidas en España e que dentro de Galicia, Pontevedra foi a provincia mais activa, co 4,7% do total nacional, seguida da Coruña, co 2,05%, Lugo co 0,21% e Ourense co 0,20%.
En volume de emisión, Galicia ocupa a sétima posición co 2,46% do total nacional. Por provincias, Pontevedra emitiu o 1,21% do conxunto de España, seguida da Coruña co 0,90%, Ourense co 0,2% e Lugo co 0,16%.
Pola súa banda as empresas galegas emisoras de factura electrónica representan o 4,48% do total das firmas do ámbito estatal. Por provincias, as de Pontevedra foron as máis activas, co 2,1%, seguidas das da Coruña, co 1,38%, Ourense co 0,5% e Lugo, co 0,49%. En recepción, as empresas galegas representan o 6,42% do total nacional, onde o 2,6% corresponde a empresas da Coruña, o 2,52% as de Pontevedra, o 0,7% ás de Ourense e o 0,6% ás de Lugo.
A nivel estatal, a cifra de emisións procesadas en 2019 ascendeu a 206.464.053 documentos, un 13,51% máis que en 2018. Do total, 171.773.817 documentos (un 6,1% máis que en 2018) corresponden a transaccións entre empresas (B2B), 22.292.891 a operacións entre empresas e as administracións públicas (B2G) e 12.397.345 a vendas de empresas a particulares (B2C).
No informe faise saber tamén grazas ao uso das e-facturas, en 2019 aforráronse máis de 1.600 millóns de euros na xestión de documentos dixitais emitidos e recibidos, e o equivalente en horas de traballo de máis de 442 anos laborais. Ademais, xerouse un impacto ambiental positivo equivalente á superficie forestal do Parque do Retiro, ao eliminar o papel de facturas, sobres, etc.

PUBLICIDADE