As enxeñarías en Informática, as titulacións máis demandadas polas empresas

martes, 28 de novembro do 2017 Redacción

Que o paro non afecta a todos os estudos por igual é algo que xa sabíamos, e tamén é coñecida a importancia crecente, de cara ao mercado laboral, que teñen as carreiras ligadas ás novas tecnoloxías, principalmente por ser estas o ingrediente básico de toda acción empresarial modernizadora, e tamén da nova revolución industrial na que estamos mergullados (a 4.0). Porén, non deixa de ser salientábel que as enxeñerías en Informáticas corran a velocidade de foguete, mentres outras titulacións fano simplemente a bo ritmo. Segundo os datos do informe Infoempleo de Adecco (dispoñíbel en formato PDF), correspondente a 2016, as enxeñarías TIC lideran hoxe a demanda de emprego das empresas en España.
Os perfís máis valorados son os que xuntan ampla marxe de adaptación, bo nivel de linguas, dispoñibilidade xeográfica, experiencia en contornas multiculturais e emprego intensivo de novas tecnoloxías.
A investigación, que avalía en detalle as ligazóns entre a formación académica e o mercado laboral, revela que os titulados universitarios seguen sendo os candidatos máis demandados polas empresas nas súas ofertas de emprego. As carreiras técnicas máis demandadas polas empresas durante 2016 foron as enxeñerías en Informática (6%), Enxeñería Industrial (5,45%), Enxeñería de Telecomunicacións (2,6%), Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática (2%) e Enxeñería Mecánica (1,6%). O informe sinala tamén que a informática continúa liderando a demanda de emprego no macrosector TIC, cun 5,5% da oferta estatal.
Segundo reflicte o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), o informe revela que durante 2016 o requisito de experiencia profesional aumentou a súa presenza na oferta de emprego en máis de catro puntos, chegando ao 79,55% neste último ano. Polo que atinxe a previsións, a entidade profesional que preside Marcos Mata tamén achega, en base ao dito estudo, o seguinte prognóstico: o ano vindeiro, o 43% das organizacións contratarán máis empregados, “un horizonte no que de novo aparece a informática como un dos perfís profesionais que serán máis demandados polas empresas”.

PUBLICIDADE