As escolas de Vicepresidencia (para nenos de entre 0 e 3 anos) reforzarán a súa dotación tecnolóxica

mércores, 13 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Nisto de Internet, se comezas a navegar canto antes terás dende logo menos atrancos cando un xefe de persoal ou de contratación dunha empresa calquera che conmine nunha entrevista de traballo a amosarlle os teus coñecementos perante o ordenador. As posibilidades de que o rato che controle a ti en troques de ter que ir detrás del con todo o corpo por enriba da mesa serán (xa que logo) mínimas.
Resumindo: familiarizar ós máis pequenos cun ambiente educativo innovador e onde estean integradas (en feitura e máis en contido) as novas tecnoloxías da información é un dos grandes obxectivos do acordo que veñen de asinar a Consellería de Innovación e a Vicepresidencia da Igualdade.
O protocolo de colaboración establece a introdución destas novas ferramentas nas escolas infantís dependentes da Vicepresidencia (un total de 25, e de nenos de entre 0 e 3 anos).
Esta cooperación permitirá dotar a rede de centros educativos “dunha infraestrutura tecnolóxica axeitada ás necesidades dos nenos e nenas escolarizados nelas, de xeito que se melloren aspectos como a conectividade, a formación e o seu equipamento”, segundo informa Innovación, que por certo achegará o material tecnolóxico necesario, como computadores persoais e impresoras, entre outros equipos. Este convenio forma parte do Plan de Calidade e Mellora Pedagóxica posto en marcha este ano 2006.

PUBLICIDADE