As máis avanzadas solucións de Intelixencia Artificial para Microsoft, polo miúdo nun novo curso de Vitae

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

Vitae Consultores vén este outono cun completo programa formativo para converternos en mellores (e máis preparados) profesionais do ámbito das novas tecnoloxías e a innovación. Co foco posto nas ferramentas de meirande proxección futura, a consultora vai organizar en outubro o Curso Deseño e Implementación de Solucións de Intelixencia Artificial en contornas Microsoft (Azure Cognitive Services). Será unha actividade de 24 horas a desenvolver en aula virtual os días 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de outubro.
Segundo informa Vitae a respecto dos obxectivos do curso, a Intelixencia Artificial é unha importante axuda hoxe en día para as empresas, que poden automatizar procesos convertendo unha chea de tarefas rutinarias e monótonas en traballos programados que consumen menos tempo e menos recursos.
A IA, explica Vitae, “ten ademais unha infinidade de aplicacións, dende robots en cadeas de montaxe até chatbots, asistentes virtuais ou optimización da loxística”.
Con todo, engade a consultora, “a Intelixencia Artificial tira partido dunha gran cantidade de datos con procesamento rápido e algoritmos intelixentes e precisa de expertos que saiban deseñar e converter en realidade estas solucións”. Neste punto é onde entra en xogo, precisamente, o curso de Vitae Consultores: preparando aos profesionais para executar solucións de IA utilizando servizos cognitivos, aprendizaxe automática e minería de coñecemento. “Estes profesionais son altamente demandados polas empresas, co obxectivo de levar a cabo a xestión e posta en marcha de proxectos avanzados, con ampla marxe de adaptación e evolución e de alto rendemento”, engaden dende a consultora viguesa.
Obxectivos do curso
-Describir as consideracións baseadas para o desenvolvemento de aplicacións baseadas en IA.
-Crear, configurar, despregar e asegurar Azure Cognitive Services.
-Desenvolver aplicacións que avalíen texto.
-Desenvolver ferramentas habilitadas para a fala.
-Crear aplicacións con capacidade de comprender a linguaxe natural.
-Crear ferramentas QnA.
-Xerar solucións de conversa con bots.
-Utilizar servizos de visión por computador para avaliar imaxes e vídeos.
-Crear modelos de visión por computador personalizados.
-Desenvolver aplicacións que detecten, avalíen e recoñezan rostros.
-Dar forma a ferramentas con capacidade para ler e procesar textos en imaxes e documentos.
-Crear solucións de procura intelixente para a extracción de coñecemento.
O curso terá unha duración de 24 horas en modalidade de aula virtual en directo, con oito sesións de 3 horas.
A persoa encargada de impartir os contidos será Guillermo Pérez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade de Alacante. Arquitecto e desenvolvedor con 10 anos de experiencia especializado en tecnoloxías Microsoft como dotnet, SQL Server e Azure Services, é dende 2017 arquitecto de plataformas da datos e o seu traballo recente abrangue capacitación en Azure DevOps, incluídas as funcionalidades de Cognitive Services en proxectos existentes, desenvolvemento de chatbots e migración de aplicacións a Docker.
Guillermo tamén prepara contornas DevOps para implementar integracións e implementacións continuas de software con tecnoloxías de Microsoft. É relator habitual en SolidQ Summit sobre temas relacionados coas novas tecnoloxías Azure, estratexias DevOps e desenvolvemento.

PUBLICIDADE