As mulleres constitúen o 35,1% dos traballadores do noso sector TIC
luns, 29 de febreiro do 2016
Temos nova
investigación sobre o sector tecnolóxico-dixital galego visto dende
a óptica laboral. Máis polo miúdo, visto dende a óptica das
mulleres. A primeira e máis importante conclusión que se extrae do
novo informe do Observatorio da
Sociedade da Información (OSIMGA, dependente da axencia AMTEGA),
o informe As mulleres no sector TIC (edición 2015), é que
existe unha fenda de xénero que cómpre combater e cuxa existencia
(un problema que vén de antigo e que atinxe a unha chea de sectores)
choca de cheo co feito de que esteamos ante un sector, o das novas
tecnoloxías, que é relativamente novo e que nas súas metodoloxías
profesionais asume unha chea de conceptos de progreso e vangarda. En
termos concretos, en 2015 as mulleres representaban o 35,1% do total
dos traballadores no tecido TIC galego. Cifras moi semellantes ás de
2014.
Polo tanto, a fenda de
xénero sitúase en 29,8 puntos porcentuais. Segundo se fai saber no
informe, no sector contidos é onde se rexistra a menor fenda de
xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,5% fronte ao 33,1%
do sector TIC.
En termos evolutivos, a
afiliación á Seguridade Social no tecido produtivo
tecnolóxico-dixital incrementouse no último ano en 1.195 persoas
(un 6,1%), aumento derivado exclusivamente do sector TIC, onde o
número de afiliados incrementouse en 1.283 persoas (un 8,9%).
Porén, detállase na investigación, “este significativo aumento
do emprego do sector TIC non se traduciu nunha diminución da fenda
de xénero, que se mantén en termos similares ao ano 2014”.
En canto ao
emprendemento, hipersector rexistra un 27% de presenza feminina no
réxime especial de autónomos do hipersector TIC (1,2 puntos
porcentuais menos que no ano anterior). “Tanto no sector TIC como
no sector contidos”, detállase na investigación, “a fenda de
xénero é superior no ámbito dos emprendedores (autónomos/as) que
no caso do réxime xeral”. Saliéntase que no sector contidos, a
presenza de mulleres emprendedoras é 5,7 puntos porcentuais superior
ás emprendedoras do sector TIC.
Como dixemos, o sector
contidos é novamente o que rexistra unha maior paridade entre homes
e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero
masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%,
incrementándose no último ano en 0,8 puntos porcentuais e
diminuíndo a fenda a 17 puntos porcentuais.
No caso do sector TIC a
porcentaxe de mulleres sitúase no 33,1%, unha cifra que ven
descendendo de maneira paulatina ano a ano. Dentro do sector, o eido
das telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de
mulleres entre os seus traballadores, acadando un 36,6%.
No que se refire á
formación académica, o 34,9% dos traballadores do sector TIC son
homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior,
mentres que só o 11,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen
da mesma formación académica. O estudo salienta igualmente “a
significativa fenda existente” en canto a presenza nas empresas de
mulleres con ciclos formativos superiores TIC: 16,6% de homes fronte
a tan só un 2,7% de mulleres.
Polo que atinxe ás
áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego, “a
presenza de mulleres e homes tampouco é homoxénea”. Nun plano
máis detallado, só o 13,7% das mulleres que traballan no sector
desenvolve funcións TIC, fronte ao 51,8% dos homes. En relación ao
persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (12,1%)
é só 1,3 puntos inferior á dos homes (13,4%)
A porcentaxe de
mulleres directivas nas empresas TIC galegas sitúase no 18,6% e a
fenda dixital no persoal dedicado a I+D+i acada os 66 puntos
porcentuais.
