As mulleres de Lousame avanzarán en empregabilidade cun programa de formación tecnolóxica: Xeración 20=22
xoves, 28 de xullo do 2022
O
Concello de Lousame vai fomentar a empregabilidade feminina no seu
territorio con formación tecnolóxica avanzada. Este será un dos
piares fundamentais do programa Xeración 20=22, proxecto gratuíto
de promoción laboral e empresarial que pon o foco nas mulleres do
municipio (de idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos) e que se
vai desenvolver en Lousame no último semestre do ano. Así o deron a
coñecer esta semana a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a
directora da empresa Senescit, Paloma Seijo; e Mónica Castaño,
técnica da Concellería de Igualdade.
A
alcaldesa felicitou tanto ás técnicas municipais como á empresa
que se encargará de desenvolver Xeración 20=22 polo seu traballo:
“É un proxecto moi ben feito e agora temos que animar ás veciñas
de Lousame para que non desaproveiten esta oportunidade única e se
apunten. Será una formación eminentemente práctica, desde como
preparar unha entrevista de traballo ou como acceder a ofertas de
emprego, ata seminarios de apoio a mulleres emprendedoras para que
aprendan nocións completas de mercadotecnia e comercio dixital”.
Neste sentido, puxo en valor que Xeración 20=22 foi un dos 10
proxectos a nivel nacional elixidos pola Federación Española de
Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Igualdade, para o
seu financiamento.
Tres
tipos de iniciativas
Paloma
Seijo, quen coordinará o desenvolvemento do programa Xeración
20=22, explicou que a iniciativa abrangue tres tipos de accións
principais:
1- Xeración 20=22. Emprego, que consiste nun
conxunto de sesións formativas encamiñadas á procura de emprego,
“factor clave da independencia económica”. Inclúe un módulo de
motivación e orientación para a busca de emprego, ferramentas na
web 2.0 para a busca de emprego, accións de networking e
creación dunha marca persoal. O proxecto desenvolverase en 10
sesións, de 3 horas cada unha. Duración: 30 horas.
2- Xeración
20=22. Dixital, que consiste nun obradoiro de introdución á
informática e ás novas tecnoloxías. Un taller de capacitación e
empoderamento dixital dirixido a mulleres onde, ademais de superar a
fenda dixital, busca reconectar ás mulleres co pracer de aprender.
Este proxecto desenvolverase en 10 sesións, de 2 horas cada
unha.
Duración: 20 horas.
3- Xeración 20-22. Autoemprego, que consiste en seminarios de
apoio e formación de mulleres emprendedoras co obxectivo de mellorar
a súa idea de negocio e adaptala á situación actual. O proxecto
terá lugar en 15 sesións, de 4 horas cada unha, nos que se
desenvolverán obradoiros de comercio electrónico e mercadotecnia
(marketing) dixital. Duración: 60 horas.
Paloma
Seijo sinalou que “os dous primeiros están dirixidos a mulleres
que queren entrar ou volver a entrar no mercado laboral, mentres que
o de autoemprego vai dirixido a mulleres que xa teñan un proxecto
propio e busquen adaptalo á situación actual”. En todos os casos,
“serán grupos moi reducidos, cunha formación moi práctica e
personalizada dende o primeiro momento”.
Inicio
en setembro
Finalmente,
Mónica Castaño explicou que o período de inscrición estará
aberto durante todo o mes de agosto. Durante este tempo, o Concello
enviará cartas a mulleres do municipio susceptíbeis de participar
na iniciativa, que dará comezo no mes de setembro. “Os horarios
adaptarémolos coas persoas que conformen o grupo, buscando en todo
momento facilitar a conciliación familiar”, adianta Mónica
Castaño.
O Concello de Lousame agarda contar coa participación
dunhas 30 mulleres ao longo das tres accións do programa Xeración
20=22, se ben cada grupo que se conforme estará integrado por un
máximo de 10 mulleres, para garantir así unha formación
personalizada e eminentemente práctica.