As nosas profesionais das TIC claman contra a perda de talento feminino na informática e as súas graves consecuencias

xoves, 27 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

Entre a longa serie de realidades que se atopan fóra de toda dúbida, por estudos que o confirman e pola experiencia diaria das persoas implicadas, atópase a seguinte: os ámbitos de traballo ou disciplinas onde está máis garantida a paridade funcionan e evolucionan mellor ca aqueles onde hai maioría dun sexo. E, por suposto, que aqueles onde só existe a presenza dun sexo. Este parece ser, se non o remediamos, o futuro do ámbito informático: unha contorna profesional de sobrepresenza masculina, con todos os problemas (para a profesión, para a innovación, para a informática, para o desenvolvemento económico e social, para a empregabilidade) que isto carrexa. Amosar este problema e pór en xogo recursos para combatelo é unha vez máis o obxectivo do Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se celebra hoxe no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da man do propio CESGA e coa colaboración de entidades como o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), entre outras. Na xornada, pola mañá, contactouse novamente cos centros educativos galegos para lanzar ás mozas estudantes a seguinte mensaxe: a informática precisa de vós.
A vertente matutina do evento galego (que se celebra, tamén, no plano internacional) contou coa presenza de catro representantes das TIC na nosa terra para falar polo miúdo das súas experiencias e, tamén, para romper estereotipos nas etapas educativas previas á universidade, un ámbito no que sinalaron que se cadra debéramos actuar máis, introducindo nas aulas a realidade (a realidade “real”) da informática, das tecnoloxías, da programación e da robótica, co fin de lograr que as mozas comecen a ver o de interesante (moito) que hai nestas disciplinas, moi afastadas do que pretende facernos crer unha parte da industria cultural (as relatoras coincidiron todas en combater o estereotipo do informático medio: home novo, illado, antisocial, individualista, freaky e pouco coidadoso co seu aseo persoal). Todo isto foi compartillado (vía multiconferencia cos centros educativos) no transcurso do acto matinal por Susana López Abellá, secretaria xeral de Igualdade e polas catro relatoras representantes do sector TIC galego: Carmen Cotelo, Nieves Brisaboa, Alba Alonso e María Jesús Taboada.
Carmen Cotelo Queijo, licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e analista informática senior do CESGA, falou no seu relatorio da súa relación formativa e profesional coas novas tecnoloxías, dos seus inicios no eido TIC e dos moitos aspectos positivos que ten traballar cunha equipa de profesionais envorcadas/os na xestión, subministro e desenvolvemento de recursos informáticos (no seu caso concreto, o eido do CESGA, onde coordina a participación do centro no proxecto europeo Fortissimo 2 e onde atesoura unha longa experiencia en comercio electrónico, computación de altas prestacións e Grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de computación de alto rendemento aos seus procesos). Carmen lembroulles ás rapazas dos centros de ensino que programar, xestionar recursos informáticos e desenvolver aplicacións é, ante todo, algo positivo, bonito, creativo e enriquecedor.
Pola súa banda, Nieves Brisaboa (catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC e impulsora, en 1996, do Laboratorio de Bases de Datosm, LBD, declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia), falou tamén dos seus primeiros pasos no ámbito dixital, uns pasos que chegaron tarde (á idade de 28 anos) logo de que pasara por diante dela (sen que a deixara escapar) a oportunidade de formarse en TIC a través de estudos de FP de Informática. Brisaboa explicou os porqués desta recalada tardía (comezou optando por unha carreira supostamente positiva e axeitada para mozas, a Psicoloxía) e animou ás rapazas a non deixarse levar por cuestións alleas á súa vocación á hora de elixir unha carreira, por exemplo onde van estudar as compañeiras do instituto logo de que a Secundaria remate ou que se supón que é o máis acaido para unha muller. Asemade, amais de salientar as vantaxes persoais da Informática (un ámbito creativo e inspirador, moi indicado para traballar por un mundo mellor e polo ben da humanidade), destacou os puntos fortes do ámbito dixital en materia de empregabilidade. Segundo fixo saber Brisaboa, non hai hoxe en día “profesionais tan demandados como os da informática”, un proceso que é extensíbel á nosa terra pero tamén a España e ao mundo, xa que “é unha tendencia xeral que vai ir a máis”. Neste intre, dixo, “xorden máis ámbitos nos que se require informática que ámbitos nos que se producen informáticas ou informáticos”.
Pola súa parte, Alba Alonso, introduciu o contrapunto de profesional non estritamente TIC, pero ao mesmo tempo moi vencellada á cuestión dixital por múltiples aspectos do seu día a día laboral. Alba, que é doutora en Filoloxía Inglesa e mestra, amais de emprendedora e fundadora da empresa RealKiddys.com, leva anos loitando a prol da igualdade de xénero e a co-educación a través da devandita plataforma tecnolóxica. Segundo fixo saber no transcurso da súa intervención, “a proba de que existan estes estereotipos e estes prexuízos na nosa sociedade é que esteamos precisamente aquí”. E engadiu: “Non se trata de fabricar e vender barbies enxeñeiras que argallan unha lavadora ou un tendal máis cómodo de empregar”, trátase de fomentar que as mozas cheguen a onde queiran chegar e que rompan todos os límites que atopen no seu camiño, que vaian alén dos sitios e dos tempos para os que supostamente foron chamadas. “Estamos a perder moito talento nas tecnoloxías”, engadiu, “por culpa das ideas preconcibidas de xénero”.
Por último, María Jesús Taboada, investigadora en intelixencia artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC, debullou tamén as súas orixes no ámbito das TIC e de que como tivo que abrirse camiño máis alá dos que parecían ser, daquela, os únicos vieiros posíbeis para as rapazas: a medicina e o maxisterio. Tamén achegou ás presentes aos tempos nos que estudou Físicas, e de como puido constatar dende os comezos a escasa presenza de mulleres nas clases. “Con todo”, sinalou, “aquilo non era nada comparado co que temos agora nas carreiras TIC, unha situación moito máis grave que está a guindar taxas de presenza feminina de só o 5% do total do alumnado”. Ao seu xuízo, “non se pode seguir perdendo o talento das mozas, xa que é unha realidade que os ámbitos laborais onde hai máis igualdade funcionan e evolucionan moito mellor”.
As actividades de logo do xantar
Pola tarde o CESGA ten previstas máis actividades: obradoiros de robótica e programación (coa ferramenta Scratch e máis con Lego), impresión 3D, realidade aumentada, arte en píxel, creación de booktubes e booktrailers, etc. Ademais, tamén está programada unha visita guiada ao Supercomputador Finis Terrae 2, o corazón tecnolóxico do CESGA. A cita organizada polo centro compostelán é a edición galega dunha celebración mundial, precisamente o Día Internacional das Rapazas nas TIC. Trátase dunha actividade orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

PUBLICIDADE