As novas cámaras IP de Xiaomi terán un prezo extraordinariamente reducido

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

As cámaras IP son un produto cada vez máis habituais ao noso redor, por achegar certa tranquilidade para cando imos de vacacións ou non estamos no fogar, e por ter uns prezos cada vez máis asumibles, e neste último elemento a firma chinesa Xiaomi está a chegar a uns niveis difíciles de imaxinar, xa que presentou dúas novas cámaras que teñen un prezo de 79 e 149 iuans (9,89 e 18,66 euros) para os modelos con resolucións de 720p e 1080p respectivamente.
O modelo máis cativo sería unha cámara de só 64,8 gramos de peso (o que fai moi doada a súa colocación, por exemplo, adherido a unha parede), conectividade Wi-Fi N, soporte de tarxetas microSD de até 64 GB, un sensor de 720p cun ángulo de visión de 120 graos e unha batería de 10.000 mAh que permitiría o seu funcionamento até 20 horas seguidas.
O modelo superior xa tería un peso de 249 gramos (polo que estaría pensado para a súa colocación no escritorio) e unhas dimensións de 127,5 x 60 x 60 milímetros, pero daría un importante salto na calidade de imaxe, sendo capaz de captar vídeo Full HD a 15 imaxes por segundo cun ángulo de visión de 120 graos, podendo cubrir 360 graos en horizontal (rotando) e 93 graos en vertical (movendo o obxectivo da cámara), ten conectividade Wi-Fi N e grava en tarxetas microSD de até 32 GB (e incluso en unidades USB).
En ambos casos falamos de cámaras con carcasa de cor branca, integradas dentro do ecosistema de aplicacións Mi Home (o que permite o seu control e configuración dende unha aplicación móbil) e que incluso contan con visión nocturna e audio bidireccional, polo que son produtos moi interesantes, que como principal problema teñen que non están orientados ao mercado global.

JPEG - 53.6 KB
O modelo superior ofrecerá vídeo Full HD e cubrirá moito espazo ao rotar 360 graos

PUBLICIDADE