As obras de pequenos (e descoñecidos) artistas, a poxa na Rede

xoves, 23 de outubro do 2008 Raquel Noya

Baixo o título, Paint for the planet, podemos ver dende hoxe e ata o vindeiro 18 de novembro, na sede central da ONU en Nova York, unha exposición de preto de 200.000 debuxos sobre o cambio climático, feitos por nenos e nenas de entre 8 e 15 anos.
A finalidade destes traballos, que destacan pola súa orixinalidade e creatividade, non é outra que participar nun concurso de pintura dedicado ó cambio climático que vén de organizar as Nacións Unidas, co obxectivo de lanzar unha mensaxe de esperanza para salvar o planeta dos desastres que se prevén de non actuar a tempo.
Pero o peculiar desta nova non é que os debuxos sexan bos (que o son), nin que se faga unha exposición con eles en Nova York (onde moitos artistas consagrados desexarían estar algún día ao longo das súas carreiras), senón que o vindeiro sábado, o Club Harvard de Nova York, vai acoller unha subhasta na que porán á venda algúns destes debuxos, e que será retransmitida por Internet para darlle a posibilidade de participar a calquera persoa do mundo, independentemente de onde se atope.
Os beneficios irán destinados ó Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) para axudar aos nenos afectados polos desastres naturais consecuencia do quecemento global.
Os interesados en participar na devandita poxa deben saber que os debuxos sairán cun prezo mínimo de 500 dólares, uns 390 euros.