As pautas de traballo da biblioteca ITIL, ao detalle nun novo curso de Vitae

mércores, 28 de outubro do 2020 S. P.

O labor de desenvolvemento de software precisa de algo máis que obxectivos e formación, precisa de recursos e mecanismos previamente establecidos que, ao mesmo tempo que nos dotan de liberdade de movementos, nos doten en todas as fases de traballo, dende a orixe, das mellores pautas que aplicar. O panorama formativo galego, malia a crise sanitaria, segue a darnos as respostas requiridas de adestramento e capacitación, sendo a consultora Vitae unha das principais portas nas que petar. Estes días de outono ofrécenos a novena edición dunha actividade formativa que nos mostra ao detalle as claves para levar a cabo un proxecto tecnolóxico e que todos os obxectivos fixados en inicio sexan cumpridos e atendidos: o Curso de ITIL Foundations en IT Service Management.
A través desta proposta formativa bríndasenos unha ocasión de mergullarnos na administración avanzada de servizos tecnolóxico-dixitais baseada nas boas prácticas de xestión, desenvolvemento e operacións que brindan os conceptos reunidos na Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información (ITIL polas súas siglas en inglés).
A novena edición deste curso, que vén con opción a certificación, vaise desenvolver online cunha duración de 18 horas, os días 23, 25, 27 e 30 de novembro e máis o 2 e o 4 de decembro. Será impartido por un formador acreditado dun centro oficial e autorizado (provedor certificador de ITIL).
O curso, segundo informa Vitae, brinda aos participantes o coñecemento dos principios e elementos principais da xestión de servizos de TI (ITSM) baseada nas boas prácticas definidas na ITIL. Asemade, ao seu remate fornece a posibilidade de obter a certificación ITIL Foundation in IT Service Management (última versión).
A finalidade da acción formativa é dotar aos participantes de recursos que lles axuden a cumprir polo miúdo as necesidades dos clientes e da propia organización ao abeiro dos diferentes procesos de negocio. Ou sexa, que se trata de equipalos con prácticas estandarizadas que lles axuden a optimizar o servizo ao tempo que reorganizan a maneira de traballar e o departamento de TI.
O público obxectivo ao que se dirixe esta actividade formativa son xerentes e responsábeis de servizos e infraestruturas tecnolóxicas da información, propietarios de procesos, responsábeis de aplicacións, proxectos e negocios relacionados coas novas tecnoloxías e membros e membros da xerencia de novas tecnoloxías relacionados co soporte e entrega dos servizos.
Os bloques temáticos son Xestión de servizo e ciclo de vida do servizo, Estratexia de servizo, Deseño de servizo, Transición de Servizo, Operación de Servizo e Mellora continua do servizo. O curso desenvolverase no Centro Social AFundación.
O encargado de impartir os contidos será Guillermo Hernández Fernández, enxeñeiro superior en Informática pola Universidade Complutense de Madrid e experto en materia de ITIL e en integración de servizos na nube seguros.

PUBLICIDADE