As pautas que fan sinxelo e fluído un proxecto tecnolóxico, ao detalle nun novo curso de Vitae

xoves, 21 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Os proxectos tecnolóxicos, ademais de ser de utilidade, ser innovadores e estar ben desenvolvidos, deben ter o importante engadido extra de converter en sinxelo e simple o que no papel é complexo. Ademais, deben estar en todos os seus elementos ao servizo de quen os precisa. Estas son as claves para o éxito dunha empresa TIC e de moitos outros sectores, o elemento que deixa a porta aberta para o recoñecemento e a excelencia. E, tamén, para futuras encargas. Para axudarnos a dominar as técnicas que garanten que un proxecto vaia vento en popa, Vitae Consultores vai organizar a 16 edición do seu Curso de Dirección e Xestión de Proxectos baixo a Metodoloxía PMI 6.
A nova edición do dito curso vaise celebrar na Coruña (Hotel Attica 21) os días 26 e 27 de abril e os días 10, 11, 24, 25 e 31 de maio. O curso é válido para o exame de Certificación PMP do PMI. Serán 35 horas de sesións de adestramento teórico pero sobre todo práctico.
Coma nas anteriores edicións, a actividade formativa busca achegar aos participantes ás metodoloxías que aseguren os mellores elementos de acompañamento para un proxecto tecnolóxico: claridade, organización, fluidez, seguridade, eficiencia, eficacia ou sinxeleza.
Segundo informa Vitae acerca da orixe e os obxectivos da actividade, esta xurdiu na necesidade de pór en xogo pautas claras e aplicábeis no que teoricamente (e tamén na práctica) resulta de gran complexidade: o deseño e desenvolvemento dun proxecto relacionado coas novas tecnoloxías e a innovación en xeral.
Sobre este punto, a consultora lémbranos as condicións desfavorábeis veñen por factores externos (crise económica, conflitos sociais, cambios políticos, normas e regulamentos cada vez máis restritivos) e tamén por condicionantes internos, por exemplo unha meirande presión para o cumprimento de obxectivos, a procura constante dunha meirande eficiencia (obter máis con menos elementos en xogo), a limitación de recursos ou procura a tempo completo de novos mercados e áreas de negocio.
Tendo en conta todo o que se acaba de sinalar, explica Vitae, “os proxectos non só se volven máis difíciles de levar a cabo, senón tamén máis incertos; sendo a incerteza un factor que pode impactar de maneira moi negativa na consecución do éxito dunha iniciativa empresarial, xa sexa introducindo adiamentos, sobrecustes ou corrupción do alcance”, o que nos obriga a ter en conta, ademais, “a desmotivación dos membros da organización, a insatisfacción por parte dos clientes así como o deterioro da imaxe externa da organización”.
Sexa como sexa, as boas prácticas recoñecidas internacional para a dirección de proxectos, axudan e moito. Por exemplo achegando un meirande nivel de certeza, ao fornecer aos profesionais que desempeñan o rol de directores de proxecto dunha visión máis ampla sobre as iniciativas nas que traballan, precisa para entender como se interrelacionan co resto da organización e axudar na consecución dos obxectivos estratéxicos. Neste senso, Vitae engade que “a certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das empresas, xa que lles permite competir de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas, anticipando problemas, xestionando proactivamente a incertidume e aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE