As posibilidades de Power Bi centran un novo curso de Vitae Consultores

martes, 16 de xuño do 2020 S. P.

A formación tecnolóxica axudaranos a superar calquera adversidade, mesmo a da COVID-19, unha das máis complexas coas que nos imos atopar ao longo da nosa vida profesional, senón a que máis. Isto sábeno ben consultoras como a galega Vitae, que non cesa na súa actividade de adestrarnos nas máis avanzadas ferramentas, apostando polo formato virtual para garantir a seguridade e a saúde do alumnado. Vitae enfía o verán cun completo programa de cursos, entre os que se atopa unha actividade que nos axuda a ser máis eficaces como profesionais ao ter a información que manexamos mellor xestionada, visualizada, ordenada e compartida. Estamos a falar da terceira edición do curso Power Bi: Visualización e Data Storytelling, de dez horas de duración. Celebrarase en formato online os días 7, 9, 14 e 16 de xullo.
Segundo informa Vitae sobre o fío temático deste obradoiro, Power BI é unha ferramenta de análise de Microsoft que permite aos usuarios de negocio visualizar os seus datos e compartir ideas coa súa organización.
Neste curso os participantes poden aprender os conceptos básicos do modelado dimensional e as principais técnicas do deseño para crear informes que poden aplicarse en Power BI Dekstop. Amais, poderán introducirse ao máximo nos conceptos básicos do modelo financeiro aplicado en situacións legais.
A actividade formativa ten os seguintes obxectivos: achegar coñecementos avanzados acerca do Power BI co fin de permitir aos participantes crear os seus propios informes empregando boas prácticas, revisar os conceptos principais do modelado e do deseño, mostrar diferentes metodoloxías para construír informes e modelos optimizados e aproximar aos profesionais á variedade de problemas que son o día o día dos laboratorios e que proporcionan, en palabras de Vitae, “unha ampla experiencia”.
O curso está dirixido a usuarios comerciais e analistas de datos que teñan (ou non) experiencia previa no uso doutras ferramentas de informes, como Microsoft Excel, e que estean a buscar un coñecemento máis fondo sobre os partes de Power BI.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE