As posibilidades de Selenium en probas de software, ao detalle nun novo curso de Vitae
mércores, 20 de decembro do 2017
Para
quen non o saiba, hai tecnoloxías para facilitar a posta a punto de
tecnoloxías. E algunhas delas, como Selenium, moi eficaces. Botar
luz sobre as posibilidades desta ferramenta-metodoloxía de código
aberto e prepararnos para sacarlle o máximo rendemento nos nosos
traballos de desenvolvemento (achegando importantes ingredientes de
automatización en procesos de probas e validación), é o gran
obxectivo do Curso
Automatización de Probas con Selenium (PDF), organizado pola
consultora galega Vitae. A actividade formativa, de dezaseis horas,
celebrarase na Coruña (Hotel Attica 21) os días 29 e 30 de xaneiro.
Para os responsábeis de curso, trátase dunha moi boa oportunidade
para engadir un extra de rendibilidade e eficiencia no noso traballo
de testing, permitíndonos centrar os esforzos no miolo dos
procesos e esquecer (no bo sentido) as tarefas máis rutineiras.
Entre
outras cousas, Selenium pon en xogo importantes recursos de
automatización, un complemento ao testeado manual para reducir o
tempo destinado ás probas de regresión, smoke test ou probas
funcionais. Segundo informa Vitae, durante este curso abordaranse os
principais conceptos sobre automatización de probas, presentando
unha metodoloxía para acadala e asegurala e, tamén, levándoa á
práctica nun caso particular empregando Selenium.
Os
obxectivos específicos do obradoiro son os seguintes: comprender a
utilidade a necesidade da axilizar o traballo das probas dentro do
proceso xeral de desenvolvemento de software; adquirir os fundamentos
para deseñar, construír e executar probas de maneira automática
con Selenium (permitindo aos asistentes realizar proxectos de
automatización xusto despois de rematar o curso); comprender os
aspectos que interveñen nunha estratexia de automatización e,
tamén, coñecer os aspectos claves dunha destas estratexias,
achegando a información precisa para a toma de decisións.
O
curso vai dirixido a analistas e enxeñeiros de probas e
desenvolvemento de software, así como a programadores e técnicos de
sistemas (explotación).
Recoméndasenos,
para inscribirnos nel, contarmos con experiencia en iniciativas de
desenvolvemento de software e coñecementos básicos de programación.
Nun principio, os casos prácticos están orientados ao emprego de
linguaxe Java, pero é viábel o uso doutras tecnoloxías.
O
encargado de impartir os contidos será Aurelio Gandarillas Cordero,
enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en
Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia profesional no
sector TI e máis dunha ducia de anos de bagaxe como consultor e
formador en desenvolvemento e calidade do software.