As profesións relacionadas coas TIC gañan puntos nas escollas dos nenos

xoves, 10 de agosto do 2017 Redacción

Adecco, a compañía de recursos humanos, vén de presentar a edición número 13 da súa Enquisa Que queres ser de maior? (PDF), un estudo que se dirixe a avaliar as vocacións profesionais das nosas crianzas e que serve, tamén, para visualizar (a través dos ollos dos nenos) cales son hoxe en día as profesións mellor vistas pola sociedade. No estudo, amais das previsíbeis eleccións (futbolista segue a ser a estrela das escollas entre os nenos, cun 18,2%, e profesora a das nenas, cun 20,3%), introduciuse este ano, con moita forza, unha profesión relacionada coas novas tecnoloxías: a de youtuber.
Segundo se indica na investigación, quererían ser figuras referentes na devandita rede social o 5,1% dos nenos. Esta escolla subiu cinco puntos con respecto á anterior entrega da enquisa. Amais da de youtuber, tamén ascende postos a elección dunha carreira informática.
A investigación, na que participaron 2.000 rapaces de toda España, con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos, achéganos o seguinte ranking para as nenas: profesoras, doutoras (11,3%), veterinarias (6,6%), perruqueiras (4,7%) e cantantes (3,9%). A dos nenos ficaría deste xeito: futbolista (18,2%), policía (15,3), mestre (6,4%), youtuber (5,1%), bombeiro (4,2%) e informático (3,8%).

PUBLICIDADE