As redes ultrarrápidas chegan a catro parroquias de Brión

martes, 22 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Exterior do consistorio de Brión nunha imaxe da Galipedia

O Concello de Brión vai ter redes ultrarrápidas de acceso a Internet nas parroquias de Brión, Boullón, Ós Ánxeles e Viceso. Así o fixo saber hoxe o alcalde da localidade coruñesa, quen celebrou os traballos previstos e as posibilidades de comunicación e desenvolvemento que se abren cos novos equipamentos tecnolóxicos. Segundo fixo saber, estas actuacións sitúanse ao abeiro do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración do Goberno central e do Plan de Banda Larga 2020 da Xunta de Galicia. As melloras conxuntas beneficiarán á veciñanza de Mourentáns (Viceso), Tembra (Boullón), Cabanas e Gontade (Os Ánxeles) e practicamente todas as aldeas da parroquia de Brión.
García explicou que pola súa orografía, Brión sempre “foi un lugar complicado para o despregue de redes ultrarrápidas de acceso a Internet, polo que celebramos que catro das nosas parroquias fosen escollidas como beneficiarias destes plans”. Así mesmo adianta que “estaremos atentos ás convocatorias que este ano realice o Estado para poder continuar co despregamento destas redes noutras aldeas de Brión”.
Aldeas beneficiarias
Así, o Goberno do Estado ten previsto realizar actuacións para permitir servizos de acceso ultrarrápido a Internet nas aldeas de Cabanas e Gontade (Os Ánxeles) e Brans de Abaixo, Brans de Arriba, Brión de Arriba, Cabreiros, O Casal, O Enxo, Gronzo, Lamiño, Liñares, Pedrouzos e Quintáns (Brión). Ademais, o pasado mes de novembro a Administración Xeral do Estado ampliou estas subvencións do Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, sendo tamén beneficiada a aldea de Tembra, na parroquia de Boullón.
Estas accións complementaranse co acceso dos veciños e veciñas de Mourentáns (Viceso) a redes ultrarrápidas de acceso a Internet de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica, que será desenvolvido por Telefónica de España ao abeiro dunha subvención concedida pola Xunta de Galicia e co-financiada polo FEADER.

PUBLICIDADE