As sesións anti-fake news do Colexio de Xornalistas chegan a Brión, Oroso e Carral

xoves, 3 de abril do 2025 S. P.

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recalaron este mércores 2 de abril nas localidades de Brión e Carral, onde Marga Tojo e Cinthia Piñeiro, respectivamente, impartiron dúas sesións divulgativas centradas na alfabetización mediática. Este xoves 3 de abril é a quenda do alumnado do IES de Carral, da man de Miguel Rodríguez, que mañá impartirá un novo obradoiro no mesmo centro de ensino. Este programa desenvolvese en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.
Os obradoiros contra a desinformación desenvolvidos polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, grazas a un convenio coa área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, chegaron este mércores ao alumnado do IES de Brión, a través dun taller con Marga Tojo González, comunicóloga e escritora, que traballou durante unha década no extinto xornal Galicia Hoxe e forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, ademais de colaborar con eldiario.es, Público, Nós Diario ou O Salto diario. Tamén se realizou un taller no IES de Oroso, impartido por Cinthia Piñeiro, xornalista e podcaster, gañadora en 2023 da VIII Bolsa Nacho Mirás, que conta con experiencia en diferentes sectores da comunicación e traballa na actualidade na Televisión de Galicia.
A actividade de alfabetización mediatica do Colexio de Xornalistas continúa este xoves 3 no IES de Carral. O alumnado de 3º da ESO poderá desfrutar dun obradoiro contra a desinformación, ás 13:20, impartido polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández, e aínda recibira un máis mañá venres ás 10:30. Miguel Rodríguez traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos.
O Colexio contextualiza estas actividades no imparábel aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital e en como esta marea de fake news está a danar “profundamente o xornalismo”, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes, sinala a entidade, engadindo que “na defensa da profesión queremos combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática”.
Grazas a estes obradoiros as rapazas e rapaces poden así coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información.
Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.
Nesta fase, grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. liderada por Soledad Agra, un total de vinte talleres chegarán nos próximos meses a dez centros de ensino secundario da provincia da Coruña.