As técnicas para a avaliación e selección de responsábeis TI centran en xullo un curso de Vitae

martes, 11 de xuño do 2024 S. P.

Vitae organiza este mes de xullo un curso que pon o foco nas e nos responsábeis da equipos profesionais tecnolóxicos e innovadores e nas metodoloxías que poden ser postas en práctica para procurar e elixir o mellor perfil posíbel para a nosa empresa. A actividade formativa Avaliación e Selección de Xefes de Proxectos TI, Xestores TI, Product Owners e Scrum Masters celebrarase este mes de xullo en dúas quendas: en horario de tarde, os días 2, 9 e 16; e en horario de mañá os días 3, 10 e 17. Terá nove horas de duración.
Porá o foco nos postos clave nas organizacións (xefes de proxectos TI, xestores TI, products owners, scrum masters ou mandos intermedios, en adiante project manager) e buscar proporcionar un método eficaz para a selección e avaliación das persoas que ocuparán estes postos.
Este curso baséase na ciencia proporcionada pola Psicoloxía do Traballo e pola experiencia práctica do día a día para a análise e a elección deste tipo de profesionais, centrándose en estudos e metodoloxías amplamente probadas a nivel científico e práctico.
Os obxectivos son os seguintes: proporcionar un método eficaz para a selección e avaliación de xefes de proxectos ou xestores TI; achegar un método e unhas ferramentas concretas para alcanzarmos o éxito na selección e avaliación de xestores de proxectos, baseados en estudos científicos da Psicoloxía de Traballo e en conclusións extraídas da actividade empresarial cotiá; e proporcionar os coñecementos para tomar decisións na contratación ou promoción de profesionais en base aos trazos, ao contexto e á conduta; diferenciar os diferentes estilos de liderado en base a tarefas e xestores, ou ben en base ás persoas e líderes.
A actividade formativa vai dirixida a profesionais de Recursos Humanos, a directores e xefes de proxectos, a xerentes ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades e coñecementos para a selección e avaliación de xefes de proxectos TI ou xestores TI ou de calquera sector.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE