As últimas actualizacións de Windows suprimen as medidas contra Spectre por provocar problemas

luns, 29 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A emerxencia da ameaza de seguridade coñecida como Spectre levou a que os fabricantes de software e hardware lanzasen urxentes actualizacións dos seus sistemas que parece que non superaron os necesarios controis de calidade, e así puidemos ver como Intel recoñecía que o microcódigo que publicara para mitigar a variante 2 de Spectre estaba a provocar reinicios en numerosos equipos, recomendado adiar a instalación dos seus parches de seguridade e a súa desinstalación no caso de estar a empregalos, en espera a unha mellor análise da situación.
Microsoft confirmou estes problemas, e mentres Intel busca solución aos fallos detectados, decidiron lanzar novas actualizacións de Windows 7 SP1, 8.1 e 10 para desactivar as medidas de mitigación das vulnerabilidades da segunda variante de Spectre, de xeito que recomendan instalar canto antes esta nova actualización para non padecer os problemas que xurdiron cos parches defectuosos.
Aínda que o normal é recomendar sempre manter os equipos informáticos seguros ante potenciais ameazas, dende Microsoft lembran que polo momento non existe risco por non ter os nosos ordenadores sen os parches contra Spectre, dado que aínda non se deu ningún caso real de aproveitamento desta vulnerabilidade.

PUBLICIDADE