As universidades afondarán na galeguización das redes con motivo do Día de Internet

martes, 8 de maio do 2007 Raquel Noya

As tres universidades galegas, en colaboración coa Consellería de Innovación, van adiantar os actos de celebración do Día de Internet para o vindeiro 15 de maio, co desenvolvemento dunha xornada sobre Estratexias TIC e da Sociedade da Información en Galicia.
Esta xornada, que terá lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da institución compostelá (que podemos ver na fotografía), desenvolverase en dous bloques temáticos sobre TIC e universidades. Estratexias e Desenvolvemento autonómico da Sociedade da Información.
Deste xeito, baixo o lema +Internet+Galego+Futuro, esta edición do Día de Internet na nosa terra quere focalizar a súa atención nos contidos e servizos que están dispoñibles en galego en toda a Rede de Redes.
Mediante a celebración da devandita xornada, apoiada polas tecnoloxías dixitais, os promotores pretenden propiciar a participación de tódolos galegos nunha “reflexión colectiva” din, sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e a comunicación achegan para a normalización da lingua galega, a difusión e o enriquecemento da cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galicia.