As universidades galegas traballan nunha ferramenta para localizar desinformacións: Fakelocal

mércores, 18 de xaneiro do 2023 S. P.

A aplicación Debatrue, impulsada por investigadores das nosas tres universidades co obxectivo de crear unha plataforma web de verificación de información orientada ao debate político, está a ter continuidade complementariedade no proxecto Fakelocal, coordinado dende a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, contando tamén coa participación da USC e da UDC.
Fakelocal (Mapa de la Desinformación en las Comunidades Autónomas y Entidades Locales de España y su Ecosistema Digital) ten o obxectivo de identificar e clasificar os principais tópicos da desinformación e medir a súa incidencia na xestión das corporacións públicas.
Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto lideran esta investigación que integra unha vintena de figuras expertas de eidos diversos de traballo, entre as que se contan Paulo Carlos López, Alba Silva Rodríguez, Xosé López García e Isaac Maroto González, da USC, canda persoal investigador das universidades da Coruña, Sevilla e Málaga, e integrantes da Central European University de Viena, a Universitá degli Studi de Milán e da Universidade do Porto.
O proxecto desenvolverá unha cartografía de axentes e medios vencellados á desinformación a través da realización dunha enquisa a responsábeis dos gabinetes de comunicación das 17 comunidades autónomas, dos 52 gobernos provinciais e das 65 cidades recollidas no ámbito de aplicación da Lei de Medidas para a Modernización do Goberno Local de 2003.
Amais, traballarase para identificar as principais crises nos gobernos autonómicos e municipais derivadas da difusión de noticias falsas e, tamén, acometeranse análises de contido con vistas a evidenciar as mensaxes máis compartidas e comentadas. Asemade, avaliarase o impacto e o alcance das principais desinformacións, poñendo o foco nas redes sociais e “coa idea de definir estratexias e recursos que axuden a reducilas”.
Fakelocal permitirá, a través do mapa xerado, recoñecer que medios e fontes son fiábeis, así como identificar as principais temáticas relacionadas coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas afectadas pola difusión de noticias falsas.
Como dixemos ao comezo, a investigación conecta con DebaTrue, investigación da UVigo que dá forma a unha aplicación en liña contra a desinformación no debate político, na que tamén colaboran a USC e a UDC.

PUBLICIDADE