Colle impulso dende a Uvigo a plataforma DEBATrue para detectar datos falsos nos debates políticos
martes, 28 de xuño do 2022
O
proxecto DEBATrue, no que traballan investigadores da Universidade de
Vigo (a través do grupo CP2, coordinador da iniciativa) ten o
obxectivo central de crear unha plataforma web de verificación de
información orientada ao debate político. Ao seu abeiro traballan
especialistas en comunicación, desenvolvemento de aplicacións
informáticas, minería de datos, modelos de confianza e reputación
ou ciberseguridade de seis universidades. Gran
parte deles reuníronse este luns 27 de xuño na Facultade de
Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra nunha
xornada técnica dirixida a pór en común os avances na creación da
plataforma.
Será
un sistema de fact-checking que combinará un proceso de
comprobación automática de parte da información coa incorporación
da tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) no traballo
das e os verificadores. Ademais de para a posta en común destes
avances, esta xornada tiña tamén por obxecto coñecer o
funcionamento doutras iniciativas de verificación, grazas á
participación do responsábeis de Innovación da axencia Efe, Javier
Marín, e de TVE, David Corral.
Seleccionado
na convocatoria Prueba de Concepto do Ministerio de Ciencia e
Innovación e coordinado polos investigadores do grupo CP2 Xosé Rúas
e Ana Belén Fernández Souto, deste proxecto forman parte tamén os
investigadores da Universidade de Vigo Manuel Pérez Cota e Andrés
Mazaira, responsábeis na xornada deste 27 de xuño de presentar os
traballos que se están a impulsar para o propio desenvolvemento
técnico da plataforma e para a incorporación da tecnoloxía da
cadea de bloques, que permitirá garantir “que o proceso de
verificación é inalterábel e inmutábel”, como salienta Mazaira.
Coa
participación dos tamén investigadores da UVigo Montse Vázquez,
Iván Puentes, Yolanda Blanco, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez
e Julia Fontenla, o equipo de traballo de DEBATrue complétase cos
docentes da Universidade da Coruña Laura Milagros Castro, David
Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage;
así como os investigadores Francisco Javier Paniauga, da Universidad
de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo
Carlos López, da USC; Alejandro Romero, da Universidad de Granada, e
o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.
Unha
plataforma “semiautomática”
Dando
continuidade ao proxecto de investigación sobre debates electorais
televisados DEBATv, que o grupo CP2 desenvolveu tamén co
financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, un dos
obxectivos de DEBATrue é “contribuír á identificación de datos
inexactos ou falsos nos debates electorais”. Amais, búscase tamén
que a plataforma poida contribuír á identificación de informacións
falsas noutros ámbitos. Nese senso, o obxectivo é que a plataforma
poida operar con “diferentes fontes”, desde as declaracións en
debates electorais ou en medios de comunicación, ás recollidas nos
diarios de sesións do Congreso ou dos parlamentos autonómicos.
“Trátase dun ámbito no que unha parte do equipo xa ten traballado
dunha forma máis manual, o de coñecer en que medida no debate
político se utilizan datos e en que medida eses datos son veraces”,
explican.
Por
outra banda, un dos principais retos dun proxecto que concluirá en
2023 é o de xerar unha “plataforma semiautomática”, como
explica Rúas, de tal xeito que unha parte das afirmacións
realizadas polos políticos e políticas poidan ser contrastadas de
forma automática, a través de técnicas de aprendizaxe-máquina.
Porén, como apunta Mazaira, o grao de automatización depende en
gran medida “do tipo de información” ao que sexa preciso acceder
para corroborar a veracidade das afirmacións. Para que esta poida
levarse de xeito automatizado é preciso, explica, que poidan
comprobarse en fontes oficiais que conten con interfaces de
programación de aplicacións (APIs), das que xa dispoñen, por
exemplo, organismos como o Instituto Nacional de Estadística (INE)
ou o Instituto Galego de Estatística (IGE).
“Imos
utilizar diferentes recursos dixitais interconectados entre eles para
verificar a información”, explicou neste encontro o catedrático
Manuel Pérez Cota, responsábel de presentar os traballos que se
están a levar a cabo para a posta en funcionamento dunha plataforma
que, lembrou, implicará “manexar unha cantidade de datos enorme”.