As vantaxes de Microsoft 365 na nosa empresa, ao detalle nun curso de Vitae en abril
martes, 19 de marzo do 2024
Vitae Consultores vai organizar este mes de abril a segunda edición da súa actividade formativa Microsoft 365 na empresa, na que se mostran aos asistentes todos os detalles e todo o potencial desta solución de produtividade e colaboración na nube que, segundo salienta a consultora galega, ofrece unha ampla gama de ferramentas e servizos de gran valor tanto para as pequenas empresas como para grandes organizacións.
Estes recursos, engade Vitae, “permiten colaborar e traballar de maneira máis eficiente, xestionar o correo electrónico e a axenda de maneira profesional e protexer datos e arquivos, facéndoos dispoñíbeis desde calquera dispositivo conectado”.
O curso desenvolverase os días 15, 16, 17 e 18 de abril. Terá 12 horas de duración e desenvolverase en formato de aula virtual.
Ao longo desta actividade presentaranse os principais servizos, e as súas posíbeis aplicacións, así como os aspectos máis importantes para a súa correcta implantación e configuración, mediante exposicións sinxelas, casos prácticos e obradoiros individuais e en grupo. Grazas á vertente máis práctica do curso, sinala Vitae, “as persoas participantes poderán afianzar todos os coñecementos presentados, avaliar posíbeis usos para a súa organización, e coñecer boas prácticas para un emprego axeitado da ferramenta”.
A consultora lembra que entre as principais vantaxes da ferramenta atópase a posibilidade de acceder aos nosos arquivos e ferramentas desde calquera lugar cunha conexión a Internet. “Isto permítenos traballar desde calquera dispositivo, o que nos dá máis flexibilidade e permítenos ser máis produtivos”. Ademais, sinala Vitae, Microsoft 365 inclúe ferramentas como Microsoft Teams e OneDrive, que fan posíbel colaborar en tempo real cos nosos colegas e clientes, compartir documentos e traballar neles de maneira simultánea, o que acelera o proceso de traballo e mellora a eficiencia.
Obxectivos do curso
-Familiarizar ao participante coa contorna de Microsoft 365 e as ferramentas e servizos dispoñíbeis: OneDrive, Teams, SharePoint....
-Comprender como utilizar Microsoft 365 para colaborar con outros usuarios e traballar en equipo de maneira máis eficiente.
-Axudar aos participantes para comprender como utilizar Microsoft 365 para aumentar a produtividade e mellorar a comunicación no lugar de traballo.
O formador
A persoa encargada de impartir os contidos será Diejo Jurado, formador e consultor de Office, VBA, Power BI, Power Pivot e Microsoft365. Con máis de 16 anos de experiencia e máis de 10.000 horas impartindo formación de todo o paquete Office (Word, Excel, Access, PowerPoint e Outlook) para empresas a todos os niveis e dando servizos de consultoría e asesoramento a empresas para os usuarios.
Colabora desde hai 6 anos coa Cambra de Comerç de Barcelona impartindo formación a parte doutros clientes como son Inditex, Ajuntamiento de Barcelona, Mango, Magna entro outros. Tamén realiza formacións de M365 (SharePoint, OneDrive, Teams, Planner, Todo...) e de Power BI.
Amais, realizou consultorías de Excel, Access e Power BI coas empresas Puma, Agedi, Adamfoods, Granini e Cofidis entre outras. Ademais, consultorías de Microsoft 365 para as empresas Cambra de Comerç de Barcelona, Ecoveritas, Planet Sport, EcoEfficient, entre outras.