Aseguran que o Goberno de España era cliente do NSO Group

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Unha investigación realizada polos diarios El País e The Guardian desvela que o teléfono móbil do presidente do Parlament de Cataluña, Roger Torrent, foi obxecto de Pegasus, software espía desenvolvido pola compañía israelí NSO Group, dispoñible só para gobernos e corpos de seguridade para combater o crime e o terrorismo.
Esta operación de espionaxe foi certificada por Citizen Lab, un grupo de ciberseguridade da Munk School (Universidade de Toronto), que investigou o fallo de seguridade de WhatsApp que facilitou o vector de ataque de Pegasus. De feito, o Citizen Lab sitúa a Torrent como unha das 130 persoas que foron vítimas inxustificadas do software espía de NSO dende 2016.
A mesma investigación dos xornais antes mencionados tamén desvelou que o deputado autonómico catalán Ernest Maragall (ERC) veuse afectado polo mesmo sistema de espionaxe, o que resultaría moi preocupante, xa que estaríase a empregar mecanismos propios da loita anti-terrorista contra a sociedade civil. Tamén comentan que a ex-deputada Anna Gabriel e o activista Jordi Domingo tamén terían sido obxecto de espionaxe con este software.
Ante estas acusacións dende o Ministerio do Interior negan que exista unha relación comercial co NSO Group e, aínda que NSO non revela a súa carteira de clientes, un antigo traballador da empresa tería confirmado que España é un dos países clientes da compañía dende 2015. Chegan a asegurar que a empresa estaba orgullosa de conseguir ao Goberno de España como cliente, xa que era o primeiro estado europeo en dar tal paso.
Haberá que ver se estas acusacións teñen evidencias que as sosteñan, xa que poderían desembocar en procedementos xudiciais, xa que constituirían unha clara vulneración da lexislación española, xa que estariamos ante a espionaxe a políticos e non a delincuentes ou terroristas baixo a tutela xudicial.
O medio que sostén que España é clientes de NSO, Motherboard, tamén asegura que tras os ataques terroristas do 11-M o CNI recorreu á compañía italiana de espionaxe Hacking Team, sendo a primeira ocasión na que esta empresa traballaba para alguén de fóra de Italia.

PUBLICIDADE