Asinan un convenio para a realización do programa de divulgación científica ConCiencia 2007

martes, 19 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Senén Barro e Xosé Sánchez Bugallo asinaron o convenio en presenza do xerente do Consorcio Xosé Manuel Villanueva

O Consorcio da cidade de Santiago subvencionará con 70.000 euros á Universidade para a realización da vindeira edición do programa de divulgación científica ConCiencia segundo un convenio asinado hoxe entre o presidente do Consorcio e alcalde de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo e o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro.
O programa desenvolverase nos meses de outubro e novembro de 2007 a través dun ciclo de actividades a cargo de científicos de sona, e contará co profesor Jorge Mira coma coordinador do programa. O reitor da USC indicou que ConCiencia é unha achega para facer que “Santiago sexa unha cidade do coñecemento”.
Como novidade, a edición de 2007 do programa incluirá a convocatoria do Premio Fonseca de divulgación científica que se fallará en 2008 e que recompensará ó seu gañador cunha dotación económica e unha reprodución de Fonseca en bronce.