Asus amosa o que podería ser o seu futuro portátil con dúas pantallas táctiles

martes, 5 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os conceptos de equipos informáticos baseados en dúas pantallas táctiles (como o Courier de Microsoft ou o Yoga Book de Lenovo), pero o feito de que estes produtos non callasen no mercado non impide que Asus ouse a abordalos, de xeito que levou ao Computex de Taipei o Project Precog, un concepto de ordenador portátil de dobre pantalla que tira proveito da intelixencia artificial e o machine learning para tentar innovar.
O Project Precog quere conseguir grande versatilidade ao permitir empregar o equipo nun modo sobremesa (cunha das pantallas facendo de teclado), modo libro (coas dúas pantallas amosando contido mentres se controla o equipo con accesorios externos), modo plano (abrindo ambas pantallas sobre a mesa para, por exemplo, un uso colaborativo) e modo tenda (atractivo para a visualización de contidos sen ocupar moita superficie).
Este interesante equipo podería converter unha das súas pantallas táctiles nun teclado virtual en función de onde coloquemos os dedos, podendo alternar a un modo lapis cando detecta que empregamos un lapis dixitalizador, convertendo o produto nunha magnífica ferramenta para a creatividade.
Pese a ser un produto conceptual, o equipo existe realmente (deixouse ver no Computex), e Asus ten previsto comercializalo antes de ano e medio, o que será unha boa proba de se o mercado está listo para este tipo de innovacións que rachan cos paradigmas habituais dos escritorios informáticos.

Vídeo no que deixan ver o Project Precog en vivo

PUBLICIDADE