Até 200 escolares participarán en Ferrol na First LEGO Galicia

venres, 9 de febreiro do 2018 Redacción

O sábado 17 de febreiro celébrase no Auditorio de Ferrol a nova edición (a cuarta xa) da competición First LEGO League Galicia. A xuntanza, na que se agarda xuntar máis de 200 escolares de Galicia e Asturias, vén da man do Campus de Ferrol e, máis polo miúdo, do profesor da UDC José Antonio Becerra, coordinador das actividades. Segundo avanza a organización, o evento ten dúas modalidades: o desafío, para nenos e nenas de 10 a 16 anos; e a modalidade junior, para nenos e nenas de 6 a 9 anos. No caso desta categoría, o obxectivo é “espertar nos máis pequenos a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía”. A súa participación consiste na construción dunha maqueta con pezas LEGO e un póster ilustrativo do seu traballo”.
No desafío, a finalidade é “descubrir a diversión e a emoción pola ciencia e a tecnoloxía” coa proposta dun reto relacionado cun problema do mundo real. Nesta edición, o obxectivo a superar ten que ver co ciclo humano da auga. Así, a rapazada deberá presentar un proxecto científico, e participar nun xogo de robot nun taboleiro relacionado con este “desafío hídrico”. O xurado valorará tamén a integración de valores educativos nos dous casos. Os gañadores da FLL Galicia representarán á Comunidade Autónoma na gran final FLL España que terá lugar en Logroño no mes de marzo, onde, á súa vez, os dez mellores equipos participarán nos torneos internacionais.

PUBLICIDADE