Até 60 empresas e entidades participaron na xornada sobre TIC, emprego e loxística da UDC

martes, 25 de abril do 2017 Redacción

Finalmente celebrouse hoxe no paraninfo da Reitoría da UDC a xornada sobre TIC, loxística e emprego que anunciabamos dende Código Cero facendo referencia ao seu potencial como fonte de información para afondarmos (a través de dous informes presentados no seu transcurso) nas posibilidades de xerar postos de traballo na Coruña a través da devandita confluencia entre novas tecnoloxías e sistemas e iniciativas nos que se coordinen recursos humanos e técnicos. A cita foi inaugurada polo reitor, Julio Abalde, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. Na xornada participaron representantes dunhas 60 empresas e entidades que desenvolven políticas de emprego na cidade galega e na súa contorna, entre eles o presidente da consultaría e servizos TIC Altia, Tino Fernández.
Na súa intervención, Abalde explicou a función do Observatorio Ocupacional da UDC, que dirixe a profesora da área de Fundamentos da Análise Económica, María Jesús Freire Seoane. Este cometido, sinalou, non é outro que exercer de recurso continuo e exhaustivo de seguimento acerca da inserción laboral dos titulados, un ámbito, o da inserción, no que a “UDC segue a destacar nas diferentes clasificacións de empregabilidade así como de emprendemento”, engadiu o reitor.
Abalde tamén salientou as oportunidades de acción que se abren cos dous informes presentados na sesión (Prospección de sectores xeradores de emprego na área metropolitana da Coruña: TIC e Loxística realizado polo Observatorio Ocupacional da UDC, e máis o Estudo sobre a situación da igualdade entre mulleres e homes no hipersector TIC, realizado pola Fundación Mulleres) non só “polos datos obxectivos que poden achegar”, senón porque “encadran perfectamente dentro das áreas de especialización coas que pretende dotarse o Campus da Coruña”. Estas áreas de especialización son, como lembraremos, o Campus Innova, relacionado co sector novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), e o Campus da Sustentabilidade, vencellado á Responsabilidade Social, entre outros recursos. Abalde felicitou ao Concello da Coruña pola xornada e por promover estes dous estudos.
Pola súa banda, o alcalde resaltou que estes informes “servirán para poñer en marcha mecanismos que incidirán na creación de emprego e na busca de oportunidades para aqueles colectivos con maiores dificultades á hora de acceder ao mercado laboral”. Ferreiro lembrou que “a prosperidade das nacións créase, non se herda, e depende da capacidade dos sectores de actividade para innovar e progresar”. Traballos coma estes, sinalou o rexedor, “son a vía para conseguir camiñar cara a unha cidade máis igualitaria, máis innovadora e máis responsábel”.

PUBLICIDADE