A UDC presenta o Campus Innova

xoves, 23 de marzo do 2017 Redacción

A Universidade da Coruña vai reforzar os seus instrumentos para favorecer que abrollen dos seus campus máis e mellores iniciativas innovadoras. Así o deu a coñecer hoxe mesmo o reitor, Julio Abalde, no Paraninfo da Reitoría, perante decanas/os, directoras/es de centros, coordinadora/es de grupos de investigación e de centros tecnolóxicos e profesorado universitario. No acto, máis en detalle, presentáronse os novos campus especializados da Universidade. Segundo fixeron saber o reitor e máis o vicerreitor de Economía, Domingo Calvo, os campus da UDC estarán centrados en dúas grandes áreas: a innovación e o sostíbel. A primeira estará representada por Campus Innova e a segunda por Campus da Sustentabilidade.
O Campus Innova, sinalaron os reitores, estará centrado na innovación dixital, tecnolóxica (novas tecnoloxías da información) e humanística. Abrangue tres grandes áreas nas cales se desenvolven diferentes liñas de especialización. Na primeira área salienta o eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Innova TIC), que é transversal ao resto de áreas de especialización “con posibilidade de numerosas aplicacións en diferentes contornas sectoriais tanto no ámbito lucrativo (onde destaca a xestión empresarial da innovación e do coñecemento) como non lucrativo”. Entre as moitas aplicacións das TIC Abalde e Calvo salientaron os ámbitos da biotecnoloxía, a saúde, a dependencia ou o tecido socio-sanitario. A segunda área de interese é a área da innovación e tecnoloxías da construción, enxeñería civil e aeronáutica, que estará representada por Innova Tech. O terceiro eido é a innovación no eido das humanidades e dixitais, a través de Innova Humanitas.
Pola súa banda, o Campus da Sustentabilidade centrarase en primeiro lugar nos ámbitos do urbanismo, a paisaxe e o territorio, en segundo lugar nos eidos da sostibilidade e a innovación social, en terceiro lugar na sustentabilidade económica e, en cuarto lugar, na vida saudábel.
Con estes dous novos campus de especialización prevese levar a cabo accións que integren ao conxunto das sedes da Universidade da Coruña: Elviña, Zapateira, Riazor, Oleiros e Oza.
A partir deles, informaron Abalde e Calvo, “téntase fixar as liñas estratéxicas grazas ás que a Universidade poderá non só ofrecer unha formación máis especializada dos futuros egresados senón tamén mellorar a súa capacidade competitiva para captar fondos e realizar unha investigación e transferencia máis punteira e con maior valor engadido para a sociedade”.

PUBLICIDADE