Ate dúas ducias de profesionais de Balidea recibirán formación avanzada ao abeiro do Bono Talento Empresa
mércores, 15 de xaneiro do 2025
A empresa tecnolóxica Balidea, con sede principal en Santiago, resultou adxudicataria do Bono Talento Empresa, axuda concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta (a través da Subdirección Xeral de Cualificación e Capacidades para o Emprego) para a realización de proxectos formativos de curta duración. A empresa TIC explicou que froito desta axuda, levarase a cabo unha iniciativa de adestramento avanzado de 48 horas de duración dirixida a un equipo de 25 profesionais, todos eles con responsabilidades na dirección e xestión de equipos e proxectos en Balidea.
Esta axuda enmárcase na Axenda de Capacidades para o Emprego e está co-financiada pola Unión Europea no marco do programa Fondo Social Europeo Plus (FSE).
Os Bonos Talento Empresa son apoios dirixidos ás empresas para impartir “microcredenciais”, que son accións formativas de carácter non formal, de curta duración, de entre 16 e 100 horas, dirixidas aos seus traballadores, para financiar o investimento na capacitación do seu persoal e co obxectivo de “mellorar o seu rendemento e capacidades e, deste xeito, incrementar a súa competitividade”.
A través delas preténdese conseguir “unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar Europeo de dereitos sociais”, para que as persoas traballadoras ocupadas participantes nos proxectos formativos das entidades beneficiarias melloren as súas habilidades.
A formación de Balidea será impartida pola Galicia Businnes School, que o fará de forma presencial, na oficina da empresa TIC de Santiago de Compostela, entre o 14 de xaneiro e o 16 de marzo de 2025.