AtlantTIC, Orange, Ericsson e Optare sentan as bases para converter a UVigo nun smart campus

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

AtlantTIC, Centro de Investigación das Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, participou a semana pasada (o mércores 9) na que sería a primeira das probas que acolle un campus galego arredor das novas capacidades da tecnoloxía 5G, desta volta aplicadas á seguridade e á xestión da mobilidade. O proxecto no que colabora o centro pretende avanzar nos novos usos desta tecnoloxía dentro do Plan Nacional 5G financiado por Red.es, e no que colabora a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Da man de Orange, Ericsson e a compañía viguesa Optare Solutions, os investigadores do centro vigués Rubén Pérez Vaz, Alberto Estévez Caldas, Brais Blanco Carballeira, José Manuel Rúa Estévez e José Antonio Álvarez, dirixidos por Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño, do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI); puxeron en práctica dúas probas para amosar a resposta inmediata da tecnoloxía empregada.
Segundo explicou AtlantTIC, os retos a superar foron varios. Por exemplo o uso da tecnoloxía edge computing, que achega o cómputo na nube ao lugar onde se usan os seus resultados, para que sexa capaz de dar unha resposta rápida e útil en escenarios imprevistos. Segundo explicou Rubén Pérez, responsábel técnico do proxecto, “as probas consistiron en utilizar unha antena 5G de Orange, colocada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e conseguir a través dela que un vehículo accedese a unha zona valada, só coa lectura da súa matrícula e, en remoto, obter autorización para acceder á mesma”.
No caso da segunda proba posta en marchano campus vigués, “o que se intentaba era que, a través dunha cámara unha persoa puidese recibir autorización para entrar nunha zona limitada”. Pérez engadiu que “no caso dun acceso non autorizado activaríase, en remoto tamén, unha alarma e poríase en marcha un drone capaz de seguir os pasos desa persoa mediante una aplicación autónoma remota sobre 5G”.
O investigador explicou que as probas efectuadas no campus vigués amosan que o 5G ten unha gran capacidade para dar unha resposta inmediata en remoto.
Papel destacado na 5G
AtlanTTIC conta cunha infraestrutura propia, o Laboratorio 5G & Beyond, froito dun convenio con AMTEGA e o operador público galego RETEGAL, polo que é un dos centros de investigación nacionais con máis coñecemento nesta tecnoloxía. A súa infraestrutura, con equipamento específico, pode albergar todo tipo de probas e a súa posta en marcha enmarcouse no Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G e no que o centro de investigación participa desde 2020. O investigador do centro e profesor da E.E. de Telecomunicación, Felipe Gil, participa en diferentes pilotos de Red.es, tamén colabora con grandes tractores industriais e mesmo forma parte dun proxecto específico no ámbito da mobilidade no que tamén participa Stellantis.

PUBLICIDADE