Audidat achegará servizos exclusivos en protección datos ás empresas rianxeiras da ARE

luns, 19 de febreiro do 2024 S. P.


A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) anunciou un novo convenio en colaboración coa empresa do concello de Ames Audidat, consultora especializada en cumprimento normativo, protección de datos, análise de metadatos e seguridade da información, entre outros cometidos e eidos de actividade.
Este acordo pon ao alcance do empresariado rianxeiro servizos de consultoría, auditoría e formación no ámbito da normativa de protección de datos de carácter persoal para axudar á implantación e adaptación dos asociados da ARE á lexislación vixente.
O convenio inclúe as seguintes condicións vantaxosas para os seguintes servizos:
1. Preauditoría gratuíta en LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos). Inclúese unha revisión inicial sen custo para avaliar a situación actual da túa empresa en relación coa normativa para a salvagarda da información.
2. Visita especializada. Achégase un consultor cualificado que visitará as instalacións das firmas asociadas para avaliar o cumprimento e a situación actual da firma respecto á LOPD.
3. Desconto do 25% na adaptación LOPD (sen formación). Garántese que as empresas cumpren coa normativa sen incorrer en custos elevados.
4. Desconto do 25% na adaptación LOPD (con formación)- Unha tarifa especial para a adaptación á LOPD que inclúe un curso de formación.