Avansig, firma creada por investigadores do CITIC, estará na competición de startups de South Summit

luns, 31 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Avansig, empresa de alicerce tecnolóxico creada por investigadores ligados ao CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), vén de ser seleccionada na Startup Competition, organizada por South Summit, como unha das 100 firmas de novo cuño máis innovadoras do mundo. A escolma final do centenar de startups foi elixida por máis de 90 especialistas en tecnoloxías de vangarda. Avansig e as restantes empresas elixidas participarán na devandita cita internacional do ecosistema emprendedor, que se celebrará en Madrid do 4 ao 6 de outubro no espazo madrileño da N@ve e que, segundo explican fontes do CITIC, reunirá aos actores máis importantes do ecosistema emprendedor: investidores, startups e corporacións.
Entre os criterios que se tiveron en conta para a selección do centenar de proxectos, salientan cinco valores fundamentais: a innovación que achegan ao mercado, a súa viabilidade económica, a capacidade de adaptación (a diferentes contornas) e evolución da súa tecnoloxía, o equipo humano que está detrás e se son ou non “invertíbeis”.
Avansig, que conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de sistemas de navegación autónomos, foi seleccionada co proxecto Autonomous Smart Drones de entre un total de 3.500 proxectos, sendo un 53% internacionais, procedentes de máis de 72 países.
Como novidade nesta edición, a startup gañadora competirá por un millón de dólares en financiamento na Startup World Cup de Silicon Valley e contará cunha campaña de financiamento guiado por Seedrs, principal plataforma global de equity crowdfunding.
Para quen non saiba da natureza da actividade de Avansig, sinalar que se centra en boa medida no desenvolvemento de sistemas de vídeo vixilancia en edificios mediante o emprego de drones. Un exemplo disto é o proxecto SINDA (Sistema de Seguridade en Interiores con Drons Autónomos), do que falamos recentemente dende Código Cero, sinalando que se encamiña a xerar tecnoloxías de vídeo vixilancia en interiores mediante o emprego de drones autónomos baseados en visión artificial 3D.

PUBLICIDADE