Avatel actualizará as súas tarifas en 2026

luns, 22 de decembro do 2025 S. P.

A operadora Avatel anunciou a actualización das súas tarifas a partir do 1 de febreiro de 2026, axustándoas un 3’10%, o que representa, en palabras da compañía, unha cifra menor dun euro nun tícket medio de 24’99€. Explica que estamos ante “unha práctica habitual no sector, onde as grandes compañías xa anunciaron axustes de ata un 4% nas súas tarifas a partir do mes de xaneiro de 2026”.
Avatel non fará efectiva a corrección ata o mes de febreiro, despois dous exercicios sen realizar axustes nas tarifas dos seus clientes, a pesar de telo contemplado nas súas cláusulas contractuais.
“Esta medida responde exclusivamente a variables económicas externas e ten como obxectivo de garantir unha atención presencial en contornas rurais, a calidade da nosa rede e impulsar investimentos estratéxicos en tecnoloxías de última xeración, nunha contorna de custos crecentes”, sinalaron dende a operadora de orixe galega.
Este axuste, que a empresa asegura que levará a cabo “de forma transparente e debidamente comunicada aos clientes”, permite a Avatel “fortalecer a infraestrutura de rede de fibra ata o fogar (FTTH) para alcanzar maiores velocidades e maior fiabilidade; garantir un servizo de atención ao cliente próximo, áxil e eficaz, adaptado ás necesidades de cada usuario; e apoiar novos investimentos tecnolóxicos que faciliten a transición dixital en zonas urbanas e rurais, reducindo a fenda dixital”.